Sensacións contraditorias para os partidos segundo avanza o escrutinio. O PSdeG pode gobernar en todas as grandes cidades, pero perde a maioría absoluta en A Coruña e Lugo e queda tras o PP en Santiago. O PP avanza en moitas cidades (Vigo, Pontevedra...) pero queda sen alcaldías e perde os seus feudos en Ourense e na Deputación de Lugo
Xeración (Santiago).
22:39: BLOG: "Resultados nos concellos conflitivos", de Marcos Pérez
Na campaña falouse moito da especulación urbanística, sobre todo en certos concellos da mariña lucense e das Rías Baixas.
En Foz o PSOE repite vitoria pero perde dous concelleiros e con eles a maioría absoluta, ¿pactará o BNG? En Barreiros, en cambio, o PP retén a maioría absoluta.
Nas Rías Baixas, o PP perde Nigrán, que pasa a estar gobernada polo PSOE; e Gondomar, que terá alcalde nacionalista (ler máis...)
23:25. Escrutinio ó 100% na maioría dos concellos galegos.
Ábrese unha nova etapa coa perspectiva dun aumento dos gobernos "de progreso" e dunha merma do PPdeG na estrutura de poder local, base durante anos do seu tecido electoral.
¿Que pasará agora? Sen dúbida, haberá axustes no PP, pero Feijoo non debería agardar un mes de xuño de "coitelos longos", pois o propio sector crítico se víu tocado na súa liña de flotación coa perda do Concello de Ourense, e os resultados de Vigo e Pontevedra, quedando ás portas da maioría absoluta supoñen certa base de futuro.
O BNG tamén aumenta a súa cota de poder en moitos concellos pequenos e medianos, pero sofre un importante descalabro en Ferrol e un resultado agridoce en Pontevedra, onde a alcaldía de Lores, a única coa que conta, sae menos lexitimada pola cidadanía.
E tampouco o PSdeG, en teoría o gran gañador, se pode confiar en exceso. Sae desta noite con posibilidades de entrar no goberno de todas as cidades -e contar con nada menos que seis alcaldías, pero das tres maiorías absolutas que aseguraban as enquisas, queda sen ningunha.
E esa é a gran conclusión desta noite: ábrese o escenario dos pactos e dos acordos. PSdeG e BNG teñen aínda recente o caso de Vigo como exemplo do que non deben facer. E o PPdeG sabe que mentres Madrid siga marcando as liñas mestras da súa estratexia, non poderá volver a tomar a iniciativa.
Os tempos de Don Manuel nos que Galicia era un cabazo de votos parecen esta noite máis estraños que nunca.
22:39: BLOG: "100%", DE MARCOS PÉREZ
"Primeiros datos ao 100%, e con cambios importantes:
Fene: O PSOE gáñalle a alcaldía ao BNG
Melide: O BNG gáñalle a alcaldía a PP
Narón: TEGA matén o goberno
Brión: PSOE mantén o goberno
Mugardos: BNG mantén o goberno
As Pontes: O PSOE gáñalle a alcaldía ao BNG
Neda: TEGA gáñalle a alcaldía ao PSOE
Chantada: O PSOE gáñalle a alcaldía ao PP
Ribadeo: O BNG gáñalle a alcaldía ao PSOE
Cangas: O BNG gáñalle a alcaldía ao PP
Marín: PSOE mantén o goberno
Moaña: BNG mantén o goberno
Vigo: O PSOE gáñalle a alcaldía ao PP
Vilagarcía: PSOE mantén o goberno"
22:35. Incidencias: 'un voto valorado en 350€'
Nunha xornada electoral caracterizada pola normalidade, houbo espazo para anécdotas e sucesos, como o despiste máis simpático da xornada, protagonizado por unha veciña de Padrón.A muller introduciu na urna un sobre con 350 euros que supostamente levaba no bolso para realizar compras no mercadillo dominical da localidade (ler máis...)
22:22. O PPdeG perde a Deputación de Lugo
22:08. Con máis do 80% escrutado:
A Coruña: Confirmado, o 27-M supón o epitafio do Vazquismo. Losada non acada a maioría absoluta e terá que pactar co BNG.
Vigo: Coriña queda con 13 concelleiros a 1 da maioría absoluta. Abel Caballero acada os 9 e poderá ser alcalde co apoio dos 5 do BNG.
Lugo: López Orozco está a máis de 2.000 votos de revalidar a maioría absoluta.
Santiago: Sorpresa na capital. Cando toda a atención estaba centrada na posible maioría absoluta de Sánchez Bugallo, o PP gaña as eleccións con 11 concelleiros, un máis que o PSdeG. O BNG de Néstor Rego mantén os 4 concelleiros, pero aumentará o seu peso relativo nunha reedición do bipartito.
Pontevedra: (co 65%): Lores seguirá gobernando co apoio dos socialistas a pesares de que Telmo Martín queda a un só concelleiro da absoluta.
Ourense: (co 75%): Cae o feudo de Baltar por un único concelleiro. Posible bipartito no feudo do Baltar. ¿Fin dunha hexemonía?
Ferrol: Cúmprense os prognósticos e cae o goberno Populares e Independentes. Irrisari será alcalde cunha coalición de esquerdas. Brutal caída do BNG
21:40. BLOG: "PRIMEIROS DATOS (SERÁ UNHA NOITE CURTA PERO INTENSA), POR MARCOS PÉREZ
21:35. CORINA PORRO E TELMO MARTÍN Ó BORDE DA MAIORÍA ABSOLUTA, PERO SEN ACADALA.
Co escrutinio xa avanzado, quedarían a un concelleiro de conseguila
21:30. O RECONTO COMEZA A CONTRADICIR A ENQUISA DE IPSOS: SI PODE HABER MAIORÍAS ABSOLUTAS NAS CIDADES
Polo menos en Lugo, onde co 65% escrutado, Orozco contaría con 13 concelleiros.
Si se comeza a confirmar que o PPdeG podería quedar sen alcaldías.
21:22. FERROL, CO 55% ESCRUTADO
21:10. REACCIÓNS. CADA UN COMEZA A CONTAR A FEIRA COMO LLE VAI NELA
Alfonso Rueda, secretario do PPdeG: O PP consolida a súa posición maioritaria nas cidades galegas.
Ricardo Varela. Conselleiro de traballo e secretario de organización do PSdeG: "Esta enquisa indica que se consolida o cambio iniciado hai 3 anos en España con Zapatero e hai 2 en Galicia."
Francisco Jorquera, coordenador da executiva da BNG: "Hai que lamentar a baixa participación".
20:38. SILENCIO DE MOMENTO NAS SEDES DOS PARTIDOS
De momento, non hai reaccións á enquisa de IPSOS. De confirmarse os datos, Núñez Feijoo terá que afrontar unha dura resaca electoral. Non lle será fácil xustificar como o 'PP dos birretes' non foi quen de asegurar o goberno en ningunha cidade, a pesar de subir na maioría delas. Claro que o sector máis crítico tampouco pode dar saltos de alegría. A perda de Ourense podería sinalar o comezo da fin da hexemonía de Baltar.
¿Sería o PSdeG vencedor? Dende logo, pasaría a ter presenza en todas os feudos urbáns, pero perder duas maiorías absolutas consolidadas (A Coruña e Lugo) e outra que todas as enquisas aseguraban (Santiago), non é tampouco prato de bo gusto.
20: 32. BLOG. "SONDAXES, TITULARES", DE MARCOS PÉREZ
"Por suposto, isto é tan só unha enquisa (a única enquisa, de feito). Os datos reais, moi pronto. Os datos son malos para o PP (quedaría sen goberno urbano ningún en Galicia), malos igualmente para o BNG (que chegou a soñar con Ourense e agora teme por Pontevedra), e moi bos para o PSOE" (ler máis...)
20:02: A SONDAXE A PÉ DE URNA DA CRTVG INDICA AS MAIORÍAS ABSOLUTAS DESAPARECEN DAS CIDADES
Segundo esta enquisa, o PPdeG podería quedar sen ningunha alcaldía, pese a gañar en Vigo e Ourense.
Os socialistas perderían a maioría absoluta en Lugo e A Coruña, e Bugallo non a acadaría en Santiago.
Poderían cambiar de mans as alcaldías de Ferrol e Ourense.
A nivel nacional, a maioría das enquisas prevén un mapa político similar ó actual, aínda que se prevén cambios en Baleares, Navarra e Canarias, onde o PP podería saír dos gobernos rexionais. Especialmente significativo o posible cambio en Navarra. ¿Romperase España?
O PP podería gañar en votos nacionais, principalmente pola abultada victoria en Madrid, onde arrasarían tanto na comunidade como na capital. (enquisas EL País, El Mundo, ABC).
20:00. SEÑORES, ISTO REMATA. PECHAN OS COLEXIOS!
19:55. BLOG: "CINCO MINUTOS", DE MARCOS PÉREZ
Como interpretar os únicos datos que temos até o de agora: a participación? A participación baixa lixeiramente en Galicia, pero moito menos que no resto do Estado. (ler máis...).
18:44. BLOG: "A FESTA DA DEMOCRACIA", DE JACOBO REY
"Estaría ben que máis aló de preguntar a opción política elixida, os enquisadores a pie de urna preguntasen o motivo da súa visita. Vostede que fai aquí? Por que veu votar? Quen sabe o tipo de respostas que darían" (ler máis...)
18:38. SEGUE A TENDENCIA. PARTICIPACIÓN ÁS 18H, 54'96%, EN GALICIA
Parece que a participación continúa a tendencia avanzada ás 15h. Moi similar, pero algo inferior a de hai catro anos no conxunto de Galicia. ¿Quen levará a culpa desta vez? ¿A choiva?
De todos modos, Lugo e Ourense rexistran índices de participación un pouco superiores. 62'28% e 58'63%, respectivamente, algo máis de un punto. (ler máis...)
15:00 A PARTICIPACIÓN É ALGO INFERIOR Á D0 2003
Nunha rolda de prensa, o subsecretario do Ministerio do Interior, Justo Zambrana, ofrece os primeiros datos oficiais de participación. En Galicia sitúase nun 33'59%, unhas décimas menos que no 2003, cando se chegara á cifra do 34'01%.
A media española sitúase no 35'22%, dous puntos menos que nos anteriores comicios municipais e sen incidencias destacables. (ler máis...)
13:30 ENTREGA DOS PRIMEIROS VOTOS DO ESTRANXEIRO
O delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, informou da primeira entrega do voto por correo, cun resultado de 50.000 papeletas ó longo de toda a xeografía galega. Delas, unhas 32.000 corresponden a electores desprazados no resto de España e 22.000 a cidadáns ausentes no estranxeiro.
12:00 COMO DE COSTUME, OS POLÍTICOS MADRUGANDO NO DÍA DECISIVO
Xa chega an imaxes tradicionais da xornada electoral: líderes e candidatos depositando o seu voto.
Tanto o actual presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, como o portavoz do BNG, Anxo Quintana, e o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, pediron a "masiva" participación dos cidadáns para celebrar o día "da democracia".
Os principais candidatos tamén pasaron polo trámite de meter o voto a urna e disimular os nervios cun amplo sorriso. Moitos que saben que gran parte do seu créto político está hoxe en xogo.
8:00 COMEZA A XORNADA ELECTORAL
A xornada electoral, marcada pola choiva, comezou esta mañá ás 8:00 horas para os máis madrugadores, sen incidencias de especial relevancia. As 4.083 mesas electorais, repartidas por 2.564 puntos da comunidade galega xa funcionan con total normalidade, despois de solucionarse algúns problemas, como a falta de lista dos censos en tres mesas de A Coruña.
En Vigo, as pechaduras de dous colexios electorais apareceron taponadas a primeira hora da mañá polo que axentes da Policía Local víronse obrigados a buscar o acceso a través dunha das fiestras do edificio para que se puidesen constituír as mesas.
27/05/2007