Juanjo Ramírez dirixiu durante cinco meses a 300 cacahuetes. Así, cun par de conguitos púxose á fronte dun proxecto que se cobixa no xénero do terror friki. Hai que ser moi friki para querer meter medo cuns cacahuetes...
Eliana Martíns (Cans).
P: Estreas 'Gritos en el pasillo' o Día do Orgullo Friki: ¿casualidade?
R: A data escolleuna Manuel Cristobal, de Perro Verde. É unha peli que aínda que chegue a un público xeralista, hai unha parte do público friki que si se vai sentir identificado. Friki vén do inglés freak, que quere dicir bicho raro, aberración, e esta película é rariña.
P: Prometo que nunca volverei mirar os cacahuetes da mesma maneira.
R: Eu tampouco podo miralos igual. Tiven que traballar con eles moitos anos e non podo case nin comelos. E logo polos xéneros que trata a película, e por estar feita con froitos secos é tamén unha rareza. Iso enlaza co concepto de moda, friki.
P: ¿Que tal por Cannes?
R: Pois moi ben, tivemos tres pases e parece que tivemos unha grande afluencia de público, maior que o das outras películas que non van dentro da sección oficial, á xente interesoulle. Iso está ben, nós nacemos cunha vocación internacional, cunha historia que pode interesarlle á xente do Xapón e dos Estados Unidos ao mesmo tempo. E alí comprobámolo. Nese sentido temolo bastante fácil para intentar vendelo fóra.
P: ¿E que che parece este Cans?
R: Entrañable, adorable, un marco idóneo para a nosa peli. Para nós é chegar a un festival humilde e de corazón, de sentimento, con certo sentido lúdico. Aquí o que se ve é humanidade, algo que intentamos plasmar na nosa película.
P: Vou evocar unha cita do teu blog. “As entrevistas aquí, era divertido matar orcos na mina de Moria. Isto é o maldito abismo de Helm”. ¿Son un orco a matar?
R: (risos) Pero es un orco moi bonito... non, non queremos matar a ninguén dos medios, que nos están tratando de marabilla. Para unha película pequeniña que somos, con só 6.000 euros de orzamento, díxonos onte o xefe de prensa que somos a película máis mencionada despois de Piratas del Caribe. Se estivesemos no abismo de Helm abrazaríamos a todos os orcos.
P: ¿Donde están os 300 cacahuetes?
R: Pois uns están en vitrinas do Cine Verdi, en Barcelona, outros apilados nunha caixa de cartón, outro igual se quedou con el como recordo cariñoso.
P: O próximo proxecto: seguimos con froitos secos, pasamos a froitas con óso...
R: Pois será unha peli tamén con Manuel Cristobal, Zombie Western, La leyenda del carnicero oscuro. Ten dúas cousas en común con Gritos en el pasillo, terror e marionetas. A parte diso é unha coprodución española e holandesa, e está case todo o equipo de Gritos, ou sexa outra frikada.
P: Pois imos logo cun test friki. O friki, ¿nace ou faise?
R: Creo que é unha combinación, que é algo inevitable, son cousas que che elixen a ti.
P: ¿Cando te deches de conta de que eras friki?
R: Deime de conta cando me dixeron o que significa friki e caín en que tiña algo diso. Despois, deime de conta de que non era para tanto cando participei na rodaxe dunha curta sobre Star Wars de Dani Méndez, e alí reuníronse os frikis máis grandes do país, e cando escoitaba as súas conversas, dábame conta que eu non era nada friki.
P: A familia, ¿como o leva?
R: Cando lle dixen que quería facer unha peli con cacahuetes non se sorprenderon, xa asumiran o shock cando lles dixen que quería dedicarme ao cine. Así que están curados de espanto, agora están moi orgullosos, o que queren é verme feliz.
P: ¿De Gandalf ou de Darth Vader?
R: Gandalf, pero moito antes de que se fixesen as películas.
P: ¿Que superpoder che gustaría ter?
R: Sempre me gustou Batman, superaba os obstáculos coa súa forza humana, con vontade. Son moi admirador da vontade humana, que pode superar a poder voar ou botar raios polos ollos.
P: Unha película.
R: Jungla de Cristal.
P: Un videoxogo.
R: The legend of Zelda, o mellor que se fixo. E na Nintendo, a dos 16 bits.
P: Grupo de música.
R: Dead can dance.
P: Un Cómic.
R: Watchmen de Alan Moore.
P: Personaxe de fición.
R: Depredador.
26/05/2007