Eliana Martíns (Cans).
Se hai curtas populares, eses son os videoclips. Unhas pelis que na maioría do tempo ocupan grandes pantallas en bares e cafeterías, fotogramas a ritmo frenético nos que pouco reparamos pero entre os que hai verdadeiras obras de arte (poucas, pero algunhas tamén, nos karaokes...).
Cans, como Festival de Curtas, antes ou despois tiña que renderse ao xénero, así que este ano estreou a división de videoclips.
Niño y Pistola, o grupo de Baiona, foi o vencedor desta primeira edición, co seu tema 'Song 74', dentro do álbume Como un maldito guisante. O videoclip é unha artistada realizada en Flash por Manolito Portolés, integrante do grupo. Cunha estética naïf, e cargadiño de detalles tenros e rebeldes ao mesmo tempo, o clip obtivo a bendición do xurado especializado. Un xurado integrado por Belén Regueira, xornalista da Radio Galega, Juan de Pablos, xornalista de Radio 3 e condutor do programa Flor de Pasión, e Víctor Coyote, músico e realizador de videoclips.
Se estabas de marcha por Porriño, e te pasaches polo Tubulart, non estabas alucinando cando vías á cantante Uxía sacudindo a cabeza ao ritmo duro como o granito de El Cubo, nin se viches ao actor aquel que salía nunha popular serie adolescente, Félix Gómez. É Cans, onde se mesturan as grandes estrelas e a plebe, sen salas vip nin cousas polo estilo.
Mañá proxectarase á tarde a curta gañadora, máis a que o público decida cos seus votos. Nun exercicio de democracia, a organización do Festival decidíu que o público que ía ver os videoclips votase tamén, así que cada quen obtiña un dereito a voto coa súa copa. Democracia popular, vamos. Mañá comprobaremos quen foi o vencedor de acordo co público e se coincide coa decisión do xurado.
Tralo concurso, o mítico Juan de Pablos, codutor durante 28 anos de Flor de Pasión, púxose aos platos e deleitou aos asistentes cunhas sesión inesquecible.
25/05/2007
Podes fazer o favor de deixar de me dar enveja? :-)
Linda foto a de Kimuru... suponho que é a do vídeoclip das naves espaciais... é genial o vídeo de Niño y Pistola. Juan de Pablos aos pratos? mimá grande persoeiro e melhor pessoa, do pouco do que o conheço . 5 points pra o teu trabalho em Cans.
Ai, graciñas Gustavo. Pois si, é o vídeo de Kimuru, un traballo lindísimo que evoca o Principiño. Había clips de moita calidade, como os de Niño y Pistola, que me encantou, ou o de Quant, absolutamente pop.