Eliana Martíns (Cans).
Os primeiros representantes do famoseo e da vie en rose (Porriño) foron chegando ao Festival. A alfombra vermella xa se estirou este ano no Festival de Cans, aínda que no estado no que quedou, despois da chuvia que caeu durante toda a noite, as estrelas non puideron facer moito máis uso dela que para correr.
O Círculo Recreativo Cultural do Porriño foi o recinto que acolleu a gran estrea mundial de 'Abrígate', unha longametraxe do director Ramón Costafreda. Unha proxección que se retrasou máis dunha hora porque o protagonista masculino, un guapísimo Félix Gómez, se perdeu polas infraestruturas pangalaicas.
Unha vez dentro, Costafreda presentouse como debe ser: "e logo eu de quen veño sendo?", dixo. Nacido en Porriño, aínda que anclado en Madrid, asegurou que a noite de hoxe "lembrareina para sempre". Visiblemente nervioso e ilusionado, presentou ao seu equipo e especialmente a unha das coautoras da banda sonora: Uxía. A cantante de Mos explicou xunto con Ramón como foi o xerme dunha música francamente deliciosa que acompaña 'Abrígate'.
Un racimo de uvas catalanas
"Ramón ía comendo un racimo de uvas catalanas", no primeiro encontro que tiveron. De feito, foi Uxía a primeira en ler a versión inicial de 'Abrígate', para que o aconsellase sobre a selección musical, para o que contou con outros dous artistas, Xabi Font e Arturo Vaquero.
De Costafreda, Uxía destacou a súa paixón polo cine e a sensibilidade, e que esta "é unha película moi súa, moi peculiar e moi bonita". Antes da proxección, a artista cantou varias cancións da banda sonora, transportando o público con melodías dende o jazz, ao tango pasando polas baladas.
Un dos temas que cantou non está incluído na cinta, aínda que segundo explicou foi a película que llo suxeríu, e incorporarao no seu vindeiro disco. "Así, un anaquiño de 'Abrígate`' estará no meu próximo disco". Como artista convidado, ao serrucho Pulpiño Viascom axudoulle co poema de Curros, Unha noite na eira do trigo.
Trala proxección, o público ergueuse para aplaudir ao director e mailo seu equipo. Félix Gómez, o actor protagonista, dixo que era a primeira vez que vía a película con máis xente e que marchaba cunha sensación moi agradable. Outros dos protagonistas, como María Bouzas ou Celso Bugallo, non puideron acudir por compromisos laborais.
25/05/2007