Eliana Martíns (Cans).
Meteogalicia mediante, vai un sol de carallo en Cans. Cando media España está anegada, unha pequena irredutible aldea galega supera os 25 graos á sombra.
Mentres nos preparamos para asistir esta noite á estrea mundial de 'Abrígate', a película dirixida por Ramón Costafreda, que vén de recibir 3 premios no festival de Lleida, e para o concurso de videoclips, dámos unha volta por Cans.
E os veciños gardan os traxes de gala, ármanse de chaleco reflectante e desbrozadora e o que engalanan é o propio Cans. Non só os rapaces da Asociación Cultural Arela traballan duramente acondicionando galpóns e alpendres.
Esta mañá os veciños entregábanse preparando o torreiro para a gran festa do sábado. As silvas e ortigas non son compatibles co agroglamour do festival de curtas.
A medida que nos adentramos na parroquia, cando menos o esperas, salta o can. A inconfundible silueta está pendurada por todas partes. Uns cans amarelos que compiten, con bastante maior éxito, cos cartaces electorais. Non só están nerviosas as 19 curtas que están no concurso, senón os 7 partidos que se presentan ás municipais en Porriño.
Created with Paul's flickrSLiDR.
24/05/2007