Datos de interés

  • Sábado 04.07.2009

Loita contra o lume

A Xunta aproba un novo Plan de Defensa contra Incendios


Etiquetas: incendios, Xunta

Mónica Sequeiro. AGN/Silvia Canabal (Santiago).

A Xunta aprobou hoxe o Pladiga, o novo Plan de Defensa contra Incendios Forestais de Galicia que substituirá ao antigo Infoga. O documento designa á Dirección Xeral de Montes como o mando único para todo o operativo contra incendios e conlevará a mobilización de máis de 2.000 medios técnicos e 6.000 persoas na loita contra lume a partir do mes de xuño.

Segundo o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o Pladiga apostará pola profesionalización e a modernización dos servizos contra incendios, ao tempo que suporá un importante salto na informatizacións dos sistemas que permitirá "axilizar a resposta" ante os lumes. O plan será explicado no Parlamento a vindeira semana polo conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal.

Novidades

Respecto ao antigo Infoga, o novo plan establece a contratación directa por parte da Administración de todas as brigadas terrestres e helitransportadas, que ata o de agora se realizaban por un sistema de convenios cos concellos.

Ademais, supón unha actualización das zonas de risco, en función da evolución histórica dos lumes en cada concello e a través do Índice de Risco Diario. Marca 195 concellos como zonas de alto risco de lumes. O Centro de Coordinación de Incendios comunicará de forma automática aos concellos, a través de SMS, a presenza de lume no se territorio para que as autoridades municipais activen os equipos de extinción.

Mobilizacións
Coincidindo coa aprobación do Pladiga polo Consello da Xunta, Efectivos dos Servizos de Defensa e Extinción de Incendios manifestáronse en Santiago para demandar máis medios e mellores condicións laborais. Á concentración, convocada por CCOO, acudiron uns 300 efectivos do dispositivo.

Os servizos contra incendios ameazan con levar adiante unha folga en plena tempada de lumes, a partir do 15 de xuño, se a Consellería de Medio Rural non senta a negociar con eles unha mellora das condicións laborais.  Denuncian que non se avanzou na prevención respecto ao ano pasado polo que, de volver producirse outra vaga de lumes como a do verán pasado "deberase á incompetencia de Medio Rural".

A Consellería, pola súa banda, respondeu a estas acusacións calificándoas de "falsas e ridículas" e insistiu nas "importantes melloras" en medios matariais e en persoal que o departamento levará adiante. Lembrou que este ano se incrementou nun 163% o orzamento para equipos de protección individual. Engadiu que as melloras introducidas no Pladiga afectan "a todos os ámbitos do dispositivo", tanto á formación de brigadas como ao incremento do tempo de contratación de cuadrillas de reforzo, ou ao aumento do número de incendios a investigar.

24/05/2007

5'0 (1 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Manifestación dos Servizos de Extinción de Incendios, en Santiago (Pepe Maneiro. AGN)
Manifestación dos Servizos de Extinción de Incendios, en Santiago (Pepe Maneiro. AGN)

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso