Datos de interés

  • Venres 03.09.2010

Unha gaseira en Mugardos

'O salario do silencio', reflexión sobre a ferida aberta de Reganosa


Etiquetas: audiovisual, Reganosa, Ferrol

Anxa Correa. AGN/Silvia Canabal (Santiago).

O documental 'O salario do silencio', realizado por Mabel Rivera e Enrique Banet, quere convidar á reflexión sobre a construción da planta de Reganosa na Ría de Ferrol. O Salón do Vicerreitorado do Campus de Ferrol acollerá mañá ás 20 horas a proxección do filme.

"A planta non creou tantos postos de traballo como dicían nin repercutiu na riqueza das xentes do entorno, senón que creou feridas dentro das propias familias", cuestionou Mabel Rivera.

Banet e Rivera, socios na produtora Namche Films, emprenderon o proxecto o pasado mes de abril tras varios anos de seguir o conflito da ubicación da planta regasificadora en Mugardos e comprobar "o silencio cómplice dos medios" ao respecto.

O documental naceu para ofrecer "unha información o máis variada e contrastada posible" e así "paliar o baleiro" de información sobre a "contaminación sistemática" da ría de Ferrol, afirmou Rivera.

Ao longo do mes que durou o proceso de recompilación de información, gravación e montaxe, os acontecementos "precipitáronse", chegando a gravar a entrada do buque 'Galicia Spirit' na planta regasificadora de Mugardos. "Iso foi só un paso máis dentro dunha cantidade de despropósitos", indicou a actriz e realizadora, quen asegura que os procesos abertos contra a instalación da planta de Mugardos darán pé a novas entregas documentais.

Múltiples voces
Representantes do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, organizacións ecoloxistas, organizacións políticas, varios concelleiros implicados, científicos da universidade, expertos en buques gaseiros e en emerxencias, avogados e o alcalde de Ferrol, Juan Juncal, expoñen os seus posicionamentos sobre a instalación da planta de Reganosa en Mugardos no documental, dunha hora de duración, e que conta con material gráfico propio.

Trala proxección no Campus de Ferrol, a produtora comezará a distribuír o DVD para "lograr a máxima difusión", xa que "estamos nun momento de inflexión sobre o futuro da planta".

Ameaza dun novo gaseiro
A proxección do documental podería coincidir mañá coa entrada dun novo gaseiro cara a plata de Mugardos, que de momento non está confirmada. O Comité Cidadán de Emerxencia decidiu onte en asemblea seguir a vixiar a entrada Ría por se se producise a chegada do barco, o venres ou os días seguintes.

Ademais, na asemblea do COCIUDEM, falouse da autoinculpación de todos os membros da plataforma ante a denuncia ao patrón maior da confraría de mariscadores, Bernardo Bastida, por impedir a entrada do gaseiro 'Galicia Spirit'.

Segundo explicou o voceiro do Comité, Carmelo Teixeiro, as autoinculpacións estaban decididas dende que se iniciaron as mobilizacións, para impedir que a Fiscalía poidese denunciar a algunha persoa en concreto. Na plataforma consideran que, de producírense múltiples autoinculpacións, a Fiscalía non poderá procesar a todos os implicados.

Os acordos da Asemblea, íntegros na páxina do Comité.

24/05/2007

5'0 (3 votos)

COMENTARIOS

24-05-2007 16:04

Se queren conseguir a máxima difusión non debían tardar moito en colgalo de Google Video ou de poñelo a circular nas redes P2P.

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Cartel do documental 'O salario do silencio'
Cartel do documental 'O salario do silencio'

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso