Eliana Martins (Cans-Porriño).
Cans é diferente. Confirmámolo, non é un festival, isto é unha romaría. Se alguén pensaba que o que ía atopar eran proxeccións de curtametraxes, que non veña, porque isto é moito máis.
Un proxecto que non podería facerse en calquera parroquia galega. A noite de onte foi o día para a celebración interna, unha homenaxe para uns veciños que aínda senten que pertencen a unha comunidade, algo complicado de atopar nunha época na que a globalización nos arrastra irremediablemente a unha perda da nosa identidade.
En Cans a xente é doutra pasta. Puido comprobarse no documental que se proxectou onte, xornada especial para os veciños de Cans. “Día de Ramo”, realizado polo director do festival, Alfonso Pato, é como o define o autor, “un retrato sociolóxico dos veciños de Cans. Unha parroquia en pleno vólcase na celebración dunha tradición con preto dun século de historia.
Cando un entra en Cans, nótase. Sobre todo cando ve que na fachada do Bar de Moncho hai colgado un can de considerables dimensións e moitos coches. No baixo do bar proxéctase a primeira sesión, que abre “As Farolas”, unha curta dirixida por Abelardo Rendo.
O ambiente que hai no recinto fai prever o que alí vai pasar. Mentres no saído do bar hai un follón pola presenza dun reporteiro de Caiga Quien Caiga, examinamos o local. Avanzamos entre os sacos de patacas colocados polos laterais. Os bancos son tablóns pousados sobre reixas de plástico. O chan é de terra pisada, sobre o que manteñen o equilibrio unhas lámpadas de coniños vermellos de estilo pop. Voilà: isto é Cans.
Fóra óense gaitas, e a inconfundible armónica de Moncho o do bar, un suxeito a examinar máis en profundo noutro momento. Máis ca un festival, unha romaría. A xente vai entrando e Rendo, xunto con Pato e o actor Pepe Penabade presentan a súa curta. Un traballo para o que contaron coa axuda de actores afeccionados e tamén caras coñecidas, como Miguel de Lira, Comba Campoy ou Luís Zahera, e o propio Penabade. O público aplaude, interrompe, fuma e comenta. Como na súa casa.
Tras a curta de Rendo, chega a hora da verdadeira homenaxe aos veciños de Cans no seu día. Pato trata de recoller no documental a tradición do Día do Ramo, que fai que por Nadal, como ben di un veciño, a poboación da parroquia se duplique, “porque á xente o que quere é comer e beber”. Unha cinta que pretende ser un “retrato sociolóxico de Cans”. E como non podía ser menos, sae un chimpín.
Tralas proxeccións, un neno anímase cun saxo, e o inesgotable Moncho o do bar, home orquestra, toca a súa armónica e maila pandeireta simultaneamente, acompañado de dous artistas locais. Espectacular a festa que as 150 persoas que alí se achegaron montan en menos de nada.
Os veciños anímanse e aplauden: é o seu día.
24/05/2007