Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Diario de campaña

Núñez Feijoo: "O Goberno galego, de código ético, nada, código patético, todo"


Etiquetas: PPdeG, PSdeG, BNG, eleccións, 27-M, Feijoo, Quintana, Touriño

AGN/Xeracion (Santiago).

"De código ético, nada e de patético, todo". O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, fixo referencia á “dobre moral” que segundo el segue en temas como o goberno paritario, o voto emigrante, ou o caso máis recente de censos irregulares nos concellos. Esta declaración chega, por certo, pouco máis de vintecatro horas despois de que o seu grupo parlamentario propuxera un código ético para evitar tratos de favor e casos de nepotismo na Administración. 

No acto participaron tamén Manuel Fraga, o presidente provincial do PPdeG, Xosé Manuel Barreiro, e o ex-ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos que xogou o papel de 'altofalante' da política nacional que tiveron días atrás Mariano Rajoy ou José María Aznar.

Cascos reiterou o compromiso do PP de licitar os tramos pendentes do AVE no caso de gañar as próximas eleccións xerais nos “primeiros 100 días de goberno”. Promesa loable que chega con case un ano de antelación e sen considerar que os do próximo domingo son comicios municipais. 

Pola maná, a caravana maior do PP aparcou noutra capital de provincia, A Coruña, onde Feijoo asegurou que a execución do Porto Exterior "demostra que o resto das obras do Plan Galicia podían facerse pero falta a vontade política".

Obviando a promesa de Cascos de licitar o AVE no caso de que Rajoy gañe as Xerais do 2008, a proposta do día centrouse no ámbito lingüístico. Feijoo anunciando que todos os concellos nos que goberne o PP despois dos próximos comicios co financiarán clases de inglés e que se rehabilitarán aldeas .

BNG: A voltas coa hospitalidade dos alcaldes
Quintana tamén pasou por A Coruña, onde apoiou ó candidato á alcaldía da cidade, Quique Tello, coa presenza de máis de mil simpatizantes. O líder nacionalista seguiu coas doses de retranca que enchen o seu discurso nos últimos días, asegurando que viña "a falar ben do PP".

Quintana valorou que os populares desen o paso de falar de vivenda aínda que non estaba claro se a idea partira "dos promotores, os especuladores ou o mercado libre que defenden".

A polémica polo número de persoas censadas na casa do alcalde ourensán Enrique Nóvoa non tardou en aparecer.  Facendo referencia  á recente foto na que Feijoo, Baltar e Nóvoa agardaban o  AVE, dixo que "se seguen agardando o tren e vai o candidato do PP con toda a familia censada na casa, haberá que pór un convoi de suplemento".

Horas antes da final da Liga de Campións, Quique Tello fixo un símil futbolístico, "Hoxe hai tres partidos, o Milán, o Liverpool e nós". Entre os seus compromisos, destacou a posta en marcha dunha nova política de vivenda, apostando pola rehabilitación da zona vella e o impulso do transporte público.

Quintana completou a etapa do “tour electoral” cunha visita a Cangas e outra en Pontevedra, que definiu como “a máis accesible de Galicia”, grazas á xestión do Bloque e de Miguel Fernández Lores.   

PSdG: Tour(iño) pola Rías Baixas
Pola súa parte, o secretario xeral do PSdG, Emilio Pérez Touriño realizou unha 'mini maratón'  polas Rías Baixas para apoiar ós candidatos socialistas de Ribeira e Cambados. Como non, a 'familia tradicional' de Enrique Nóvoa tamén se colou no discurso. “Os cidadáns votarán para acabar cos que fan trampas na vida política". Engadiu tamén que as prácticas de "inflar censos" é un túnel do tempo no que está atrapado o grupo da oposición.
No concello de Ribeira apoiou ó candidato José Vicente Domínguez, e non puido escapar das reclamacións dos veciños, onde as peixeiras do mercado municipal reclamaron unha renovación das instalacións. A seguinte parada foi a parroquia de Cabo de Cruz, en Boiro, onde prometeu a creación do porto deportivo e tivo unha reunión con diversos representantes do sector pesqueiro e marisqueiro.

O Auditorio da Xuventude de Cambados acolleu a derradeira parada de Touriño, onde recriminou ó grupo da oposición a súa preocupación polo "negocio" máis que polo futuro, reclamando que expliquen "que intereses existen detrás da batalla frontal" contra a protección do medio ambiente.

Alí apoiou a Domingo Tabuyo, afirmando que votar ós socialistas é unha aposta pola preservación do patrimonio e o futuro do territorio. O candidato socialista á alcaldía de Cambados defendeu que a localidade pontevedresa estaba peor que hai catro anos, porque o goberno municipal, dirixido polo 'popular' José Manuel Cores "non cumpriu con ningún dos seus proxectos estrela, enganando á cidadanía".

23/05/2007

5'0 (1 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Feijoo visitou as obras do porto exterior de Ferrol, con Álvarez-Cascos (Fotos: Pepe Ferrín/AGN)
Feijoo visitou as obras do porto exterior de Ferrol, con Álvarez-Cascos (Fotos: Pepe Ferrín/AGN)
Quintana apoiou ó candidato á alcaldía da Coruña, Quique Tello, ante mil persoas (Fotos: Pepe Ferrín/AGN)
Quintana apoiou ó candidato á alcaldía da Coruña, Quique Tello, ante mil persoas (Fotos: Pepe Ferrín/AGN)
Touriño visitou a localidade de Cabo de Cruz, e falou con representantes do sector pesqueiro (Foto: Otto/AGN)
Touriño visitou a localidade de Cabo de Cruz, e falou con representantes do sector pesqueiro (Foto: Otto/AGN)

Buscar máis información sobre










Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso