Nair Mesejo. AGN (Santiago).
“Non é un invento moderno”, asevera Manuel Docampo, propietario dunha das só tres adegas que na comunidade galega producen, elaboran, transforman e comercializan viño ecolóxico. “Trátase de recuperar as prácticas tradicionais coas que os nosos avós nos quitaron a fame antes de que chegaran as multinacionais e os seus tratamentos preventivos”.
Na súa maioría, os agricultores ecolóxicos optaron por rebelarse contra a progresiva contaminación do entorno natural e os danos que, para a saúde humana, conlevan os fertilizantes, pesticidas e abonos químicos.
Pero máis aló dos principios e valores ¿pódese vivir dignamente da agricultura ecolóxica? Os seus defensores apelan ao maior valor engadido destes alimentos, dos que garanten unha maior calidade e mellores características organolépticas, é dicir, máis aroma, sabor, aspecto e textura. Todo isto repercute nos custos de produción e nos prezos, ata un 20% máis que produto convencionais.
Ademais, o ‘tirón’ en Galicia é insuficiente para confeccionar un mercado interno que asuma ós case 400 'agricultores ecolóxicos que estaban inscritos no Craega a finais de 2006.
Os consumidores galegos descoñecen os produtos da agricultura ecolóxica.
Máis investimento
¿A solución? Administración autonómica e produtores prevén investir un total de 310.000 euros ata o 2010 na promoción desta liña de alimentos. A dotación desta e outras partidas dependerá da aprobación do Plan de Desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica Galega (PDAE), que a Consellería de Medio Rural remitiu ás cooperativas e asociacións de produtores.
O principal apoio deste departamento dirixirase a fortalecer as estruturas produtivas –ás que contempla aportar máis de 7 millóns de euros entre 2007 e 2010-, así como no fomento da produción –máis de 2,1 millóns.
Ser profetas na súa terra
Mais os precursores do desenvolvemento da agricultura ecolóxica na comunidade galega lembran o seu illamento do acubillo institucional. É o caso de ‘Labregos d’aiquí’, un grupo de nove agricultores da comarca ourensá da Limia que dende hai máis de dez anos veñen expresando o seu desacordo co sistema convencional agrario.
Aseguran con certeza que o sistema convencional de produción non ten futuro. “As terras quedan contaminadas e así a xente abandona as hectáreas arrasadas. Na comarca da Limia, en dez anos a produción de patacas reduciuse á metade” sostén Manuel García González, un dos nove socios. “Fronte ´ós 40.000 quilos por hectárea que se pode colleitar tradicionalmente, 'Labregos d'aquí' non supera os 20.000 ao non empregar nin puríns, fertilizantes ou pesticidas”.
A falla de demanda de produtos ecolóxicos en Galicia obrigounos a converterse nunha central de compras. Producen e xestionan a venda de alimentos dunha vintena de produtores ecolóxicos para logo distribuílos e comercializalos, sen dispor de puntos de venda.
Internet como distribuidora
O proceso é sinxelo. A través da súa páxina web pódese encher o cesto da compra a prezos que, nalgunhas ocasións, poden ser incluso máis baratos que nun supermercado. Así venden un quilo de pataca galega a 1,20 euros, cando nunha coñecida grande superficie chega ós 3'30€.
O 80% dos seus consumidores residen en Madrid, Barcelona e Lisboa. Un dos seus socios valora que agora a agricultura ecolóxica estea a ser potenciada na Unión Europea. “Até o de agora chamábannos tolos e ninguén apostou por nós”.
A unión fará a forza
O propietario de Adegas Docampo Gacio tamén emprega a rede, pero combínao coa venda en feiras, onde asegura que o consumidor queda abraiado pola calidade dos seus viños amparados polo Consello Regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras.
“Fago o mesmo viño ecolóxico que facía o meu avó”, explica con ironía. Asegura que o único que fai é deixar que sexa a natureza a que traballe o sabor e aroma, sen engadir ningún produto químico á vide ou sen prensar a uva.
Non é fácil venderllo ós hostaleiros. “Pensan que lles ofrezo viño caseiro. Cando sexamos trinta ou corenta produtores pode que a situación cambie”. E cre que o consumidor non lamentará pagar un 15% ou 20% máis por este tipo de viño, dada a súa calidade. “Amais deberían lembrar que nese prezo se inclúe un canon polo coidado da paisaxe, o mantemento do rural e da cultura tradicional galega”, afirma.
Carne ecolóxica
Os nove socios da Cooperativa Galega da Carne (Cogace), creada en 2001 en Lugo, están na procura de chegar a un acordo con algunha cadea de distribución para vender a súa carne. Producen 31 toneladas anuais de tenreira a través de dúas marcas, Viteval –certificada polo Craega- e Xatogal –amparada polo Craega e por Ternera Gallega.
A falla de canles de comercialización dos produtos ecolóxicos obríganos a buscar saídas ao 90% das canais entre particulares. Só un 10% véndese por medio de tendas especializadas en produtos de cualidade para gourmets.
23/05/2007