Datos de interés

  • Martes 09.02.2010

Alpinista e nº 2 do PSdeG por Vigo

Chus Lago: "As grandes utopías remataron. Agora só quedan as persoais"


Etiquetas: Vigo, alpinismo, Chus Lago

Marcos Ferro (Vigo).

Primeira alpinista galega que subíu sen osíxeno ó cumio do mundo -e terceira muller que o logrou-, Chus Lago (Vigo, 1964) é unha habitual das grandes aventuras.  No 2006 tentou cruzar o 'deserto branco' de Grenlandia a pé, de oeste a leste, unha odisea truncada polo mal estado das baterías da radiobaliza.

Malia todo esta viguesa inconformista promete volver tentalo este mesmo ano, pero antes diso, afrontará un desafío diferente. Da un salto de xigante e cambia as xeadas rutas do Himalaia ou da Antártida pola selva do asfalto. O próximo domingo 27 preséntase como nº2 do PSdeG-PSOE na lista encabezada por Abel Caballero.


Pregunta: Despois de media vida adicada ó alpinismo, ¿como che dá agora pola política?

Resposta:
Ofrecéranmo xa moitas veces, e sentíame mal ó dicir que non, porque considero que sempre tes que ter algunha implicación social. Pareceume que Abel Caballero era unha persoa de confianza. E trátase da miña cidade, á que quero moito, e sempre hai cousas coas que estás desconforme.

Custoume moito, porque supón para min un cambio de vida bestial. Non vou deixar de escalar, pero tampouco vou poder facer grandes expedicións, porque non sería coherente, así que farei outro tipo de viaxes máis curtas.

P: O malo é que en política non sempre podes facer todo o que queres...

R: Eu non son política, pero creo que para facer as cousas o que tes que ter é vontade para facelas, e que nada é imposible, cando tes as ganas de facelo. O que pasa é que hai que ser consecuente co que queres, porque terás que pagar un prezo moi alto. ¿Que terei que tragar moitas rodas de muíño? Seguro, pero teño tragado tantas....

P: ¿Que cres que lle podes aportar a Vigo?

R: A min gustaríame que todos os asuntos de política social dos que tanto se fala ultimamente, como a Lei de Dependencia, se fixeran efectivos, que non queden na teoría. Paréceme fundamental que as persoas se sintan realizadas, valoro moito a independencia e a autosuficiencia.

Eu xa me sinto realizada, e quero axudar ós demais a que se realicen. Por exemplo, cos centros, facelos máis humanos, que non sexan aparcadoiros de xente. Que a xente sinta que está neste mundo para algo.

P: Vas bastante enfocada á parte social...

R: Realmente gústanme todas, tamén cultura, pero é que non se pode abarcar todo, e seguramente haberá xente mellor preparada para iso. Tamén me gusta medio ambiente, se vou de número 2 teño que coñecer un pouco de todo... Estaría cómoda en calquera cousa, menos en urbanismo.

P: En caso de que Caballero non gañe as eleccións, ¿veste facendo oposición?

R: Iso nin se contempla [risas]. Pero teño claro que son simplemente unha ferramenta da Cidadanía. Gustaríame ter a liberdade suficiente para apoiar cousas que vallan a pena, sexan ou non do meu partido, e para pórme en contra das que prexudiquen a esta cidade.

P: As túas próximas aventuras, que se tiveron que retardar polas eleccións, eran retornar a Grenlandia e unha travesía polo Polo Sur. ¿Hai grandes diferencias entre isto e a escalada?

R: Unha travesía é algo bastante extremo, porque as temperaturas e o vento sempre van ser moi fortes, e porque non tes un momento de descanso. Nunha montaña, podes baixar ó campamento base, coller comida, desconectar... Nunha travesía polar iso non é posible. Partes con todo o que vas necesitar para dous meses: comida, roupa...

A nivel psicolóxico, o peor dunha expedición polar é a exposición constante ó frío, e a monotonía constante na paisaxe.  Non hai un día distinto a outro, as metas velas no GPS, no mapa... Sénteste moi orgullosa ó velo, pero na paisaxe non o aprecias. A min apetéceme abordar este reto, por iso me meto nel.

P: ¿Quéreste probar a ti mesma con esta expedición?

R: Si. É moi curioso porque moitos alpinistas con certa madurez, metidos ó final da súa carreira, acaban facendo unha travesía polar.

Eu decidín facela cando estaba a subir unha montaña, o monte Vinson, o máis alto da Antártida. Sobes ó monte máis alto, e dende alí descobres o gran deserto polar. Eu como alpinista non teño vertixe, pero dende alí sentino ó ver un deserto totalmente plano, e sentir agorafobia. Pareceume un reto bonito atravesar unha paisaxe na que non hai nada, na que todo está dentro da túa cabeza.

Arrastras contigo un trineo que pesa de media uns 100 quilos, con vento contrario. Ten de común coa montaña o concepto de aventura, de aventura para ti mesmo, porque para min, as grandes aventuras morreron cando Admunsen voou sobre o polo norte e pisou o polo sur, e cando o Everest se conquistou con e sen osíxeno.  As grandes utopías están finalizadas, agora só quedan as persoais, que ti poidas facelo ou que poidas facelo máis rápido.

P: ¿E non queda logo ningún reto para alpinistas?

R: Quedan moitas montañas por facer de gran dificultade técnica, pero refírome máis ó concepto de gran aventura, de exploración. A terra xa está explorada. Os primeiros exploradores tiñan todo por descubrir, as súas exploracións duraban tres anos e non había mapas nin información. Tíñano todo por descubrir e por inventar. Iso é o que eu envexo. Utopía con maiúsculas, unha idea un pouco romántica.

P: ¿Que che parecen as expedicións tipo "axencia de viaxes"?

R: Que fagan o que lles dea a gana. Na montaña as únicas normas son as éticas. Impórtame no sentido de que se saturan, ou que ecoloxicamente se destrúe, porque hai máis botellas ciscadas, se cada un baixa as súas botellas non pasaría isto. Tamén se devalúa un pouco o concepto de aventura. O que me dá un pouco de pena é que a xente que o fai así realmente cre que fixo a montaña, pero non o fai. É coma se ti fas o maratón correndo e o do lado o fai en moto, e cre que o fixo.

O éxito rápido non me vale. O Everest pódese conseguir se levas un equipo, porteadores, osíxeno, xente que che monte unha estrutura, que che poña escaleiras, pero, cando chegas arriba, ¿que che queda? se ti non o planificaches, non tomaches as decisións, non participaches das dúbidas, dos medos, dos terrores. Iso non é aventura.

P: ¿Que pensas das novas tecnoloxías no alpinismo?, ¿caídas do ceo ou mal necesario?

R: Son un arma de dobre fío. Por un lado o teu patrocinador prefire ter noticias da expedición canto antes, non esperar dous meses a que lla contes, e ver que amortizas a súa inversión. Agora necesito dos patrocinadores porque cada vez as aventuras son máis lonxe e máis caras, sobre todo a da Antártida, que despois do espazo, é o viaxe máis caro. Imaxínate, para non responder.

Pero para min, a tecnoloxía fai que as expedicións perdan algo. Cada vez que fas unha entrevista, saes da aventura. O ano pasado, cando me quedei sen teléfono en Grenlandia, tiven que suspender a expedición, pero nos quince días que estivo estropeado pensaba "que ben, gustaríame poder facer os quilómetros que me quedan así". Non podía porque tiña que avisar ó helicóptero para que me viñesen buscar.

A tecnoloxía ten que estar ó teu servizo, non ti ó dela. A televisión está ben se a dosificas, o móbil, tamén porque te libera, son cousas que tes que incorporar á túa vida, para facela máis fácil, pero vexo unha paixón desmedida por todas estas cousas

23/05/2007

5'0 (22 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

A alpinista Chus Lago
Chus Lago, en Vigo
A alpinista Chus Lago
O ximnasio é parte indispensable na preparación da alpinista viguesa

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso