Datos de interés

  • Sábado 04.07.2009

Diario de campaña

Manuel Fraga: "o que non estuda é porque non quere ou quere ir ó botellón"


Etiquetas: Fraga, Feijoo, Touriño, PPdeG, PSdeG, BNG, eleccións, 27-M, Quintana

AGN/Xeracion (Santiago).

O veterán Manuel Fraga parece rexunevecido despois de comezar a campaña na discoteca Lennon da Estrada. Hoxe volveu con máis forza que nunca no mitin de Vilagarcía, facendo un repaso da súa traxectoria e definindo ó PP como o partido que "precisaba o país".

O ex presidente da Xunta explicou que apostaría polo voto obrigatorio xa que "ninguén ten dereito a desentenderse do que pasa na súa terra". As súas críticas dirixíronse tamén cara os que queren "revivir a memoria histórica" do ano 36 e apostou pola Educación, ironizando con que hoxe en día "o que non estuda é porque non quere ou quere ir ó botellón".

Fraga acompañou en Vilagarcía ó presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, ó candidato popular á alcaldía, Tomás Fole e ó presidente da Deputación de Pontevedra. Feijoo asegurou que a súa formación política avanza polo carril "do centro, dos principios e das ideas" fronte a PSOE e BNG que "van polos bordes".

Unhas horas antes, o líder dos populares galegos estivo en Ourense, reiterando o seu compromiso coa chegada do tren de alta velocidade. Acompañado polo candidato ourensán á alcaldía, Enrique 'Poly' Nóvoa e o presidente da Deputación, José Luis Baltar, propuxo un proxecto que contará cunha inversión de 100 millóns de euros para converter á capital das Burgas "na estación central da alta velocidade de Galicia".

PSdeG: Ence fóra da ría
O secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, advertiu hoxe ós seus socios de Goberno na Xunta e no concello de Pontevedra, o BNG, que "non se pode estar na manifestación e gobernando", en referencia ás protestas para reclamar o hospital único, apoiada polo alcalde nacionalista.

Deste xeito, Touriño arremeteu por primeira vez en campaña contra o Bloque, a quen lle reclamou "non entrar na demagoxia".

Parece que os desencontros acabaron aí, pois ante os simpatizantes socialistas en Pontevedra, e tal como fixeran un día antes Quintana e o actual alcade Miguel Anxo Fernández Lores, Touriño insistíu no compromiso para sacar a factoría de Ence da ría.

"Salvaremos o emprego e os postos de traballo, pero estou disposto a que Ence en Galicia si, pero na ría non". A candidata socialista Teresa Casal afirmou que será o seu partido o que saque a celulosa de Lourizán, asegurando que co PSdeG no Goberno autonómico "hai cartos enriba da mesa e non enganos", como había co PP.

O líder dos socialistas galegos estivo tamén en Ponteareas para apoiar ó candidato do seu partido, Francisco Candeira, con tempo para realizar un balance da campaña, agardando que os cidadáns deben realizar unha "votación masiva para confirmar a marea de cambio que está a medrar".

Foron inevitables as referencias á presenza do ex presidente da Xunta, Manuel Fraga, nesta campaña e replicou as súas críticas sobre a situación de Galicia afirmando que "está avanzando e medrando por primeira vez por riba de España".


BNG: Críticas para tódolos gustos

O conflito de Navantia centrou o mitin celebrado en Ferrol polo portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, que asegurou que o que precisa a urbe é un goberno local comprometido co emprego e que "non se dobre ante Madrid". Sobre este asunto houbo críticas para todas as partes, tanto para o PSOE como para o PP, ós que acusou de someterse "ós mandatos do goberno central".

O nacionalista destacou as propostas do BNG en temáticas como o da vivenda protexida e fixo referencia ós dous estilos que detecta nesta campaña como se dunha película de Amenábar se tratase: o do seu partido, "que é o de facer as cousas, o compromiso" e o de "os outros", estilo centrado en "non comprometerse a nada".

Pola súa parte, o candidato á alcaldía de Ferrol, Xoán Xosé Pita, afirmou que loitarán por unha "diversificación industrial", coa posta en marcha de novos parques empresariais.

Pola mañá o líder do BNG estivo tamén en Vigo para apoiar ó candidato nacionalista, Santiago Domínguez, nun encontro con representantes do mundo do deporte. Quintana destacou que "os recursos públicos deben dirixirse ó deporte de base e non tapar a mala xestión de sociedades deportivas".

22/05/2007

5'0 (2 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Feijoo, Enrique Nóvoa e Baltar, na estación Empalme de Ourense (Foto: Pepe Ferrín/AGN)
Feijoo, Enrique Nóvoa e Baltar, na estación Empalme de Ourense (Foto: Pepe Ferrín/AGN)
Touriño visitou Ponteareas no medio dun baño de masas (Foto: Otto/AGN)
Touriño visitou Ponteareas no medio dun baño de masas (Foto: Otto/AGN)
Quintana estivo en Vigo para apoiar ó candidato nacionalista á alcaldía, Santiago Domínguez (Foto: Sonia Daponte/AGN)
Quintana estivo en Vigo para apoiar ó candidato nacionalista á alcaldía, Santiago Domínguez (Foto: Sonia Daponte/AGN)

Buscar máis información sobre











Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso