Eliana Martíns (Santiago).
Se Cans non fora Cans, ao mellor non tiña o seu festival. Porriño engalánase para o festival de cine máis auténtico de Galicia. Cans compite cara a cara con Cannes (Francia), e en jlamour triunfa incuestionablemente o autóctono. Porque Porriño estaba predestinado a ter un festival de cine. "Aínda nos quedaría unha arma secreta porque un dos barrios do Porriño chámase San Sebastián".
Moisés Álvarez, secretario da Asociación Arela, cre que este ano a calidade medrou moito, e que para nada o cine galego vive un mal momento, polo menos en canto a talento. "Este ano había moitísimas curtametraxes, foinos máis fácil para seleccionar supoño que polas axudas da Xunta, e tamén cousas de máis calidade. Tampouco creo que goce de mala saúde. Cando falamos de audiovisual hai que telo en conta dende dous puntos de vista, o da creatividade e o da industria. As veces á industria non lle vai ben, pero a creatividade funciona".
Na localidade pontevedresa comeza a notarse pouco a pouco a transformación do festival que comeza o xoves 23. De momento, a Can Parade xa está nas rúas de Porriño, e as luces que anuncian o festival empezan a dar sinais de que algo grande vai pasar alí.
Jalpón friki, chimpibuses, canódromo
Cans, ao igual que o seu parente francés, tamén estira a alfombra vermella para recibir ás estrelas do país. Pero aí rematan os parecidos. A limusina hai que cambiala por chimpíns, os elegantes teatros son jalpóns e as festas en clubes de luxo trasládanse ao torreiro. "Ese é o xerme do festival", explica Moisés, "proxectamos curtametraxes galegas dos últimos anos nas casas dos propios veciños". E eles tamén o gozan. "Ten un carácter moi festivo, unha convivencia moi especial entre os veciños e os invitados, famosos, actores".
"Cans busca levar o audiovisual galego ao medio rural, pero tamén o rural ao audiovisual galego". E hai unha mostra do cine galego: ademais das curtas a certame, estrearán dúas longametraxes, un documental, pero tamén haberá un espazo para a produción máis alternativa e de autor no jalpón friki.
Por que ir a Cans? "Máis ca un festival é unha festa. É a festa do cine galego, o máis parecido a unha romaría". Xa venderon todas as entradas, pero se te animas hai unha morea de actividades gratuítas que facer, "dar unha volta no chimpibús, ou as proxección do jalpón friki. Vano pasar ben, garantido".
20/05/2007