Datos de interés

  • Venres 03.09.2010

Onomástica galega

De 'Agripina' a 'Maikel': a evolución dos nomes en Galicia


Etiquetas: lingua, patrimonio, historia, interactivo, que rule

Eliana Martíns (Santiago).

Hai uns anos, ser fillo primoxénito levaríache a chamarte Primitivo. No caso de nacer de pé  a tradición faríache cargar con Agripina. Nomes practicamente en desuso ou esquecidos, pero que conforman parte do noso legado histórico e cultural.

O tempo tamén pasa para os nomes, esa etiqueta que marca gran parte da nosa identidade e na que case nunca intervimos. Aínda que moitas veces o herdemos da familia, como quen herda a roupa dun irmán maior, as modas e a historia tamén deixan a súa pegada nos nomes propios ou antropónimos.

Da desaparición de nomes como Johan e Tareija, enormemente comúns ata o século XV,  encargáronse os Reis Católicos. A “doma e castración” aplicada polos monarcas atopa na Igrexa o aliado perfecto para castelanizar os nomes. Durante séculos, as formas galegas suprímense dos rexistros, pero sobreviven na fala da xente, o que explica que Xan e Tareixa cheguen aos nosos días.

Segundo o catedrático de Historia de Galicia Xosé María Lema Suárez, os curas tiveron moita responsabilidade na desgaleguización de nomes e apelidos. Este profesor analizou todos os nomes masculinos rexistrados na parroquia de Berdoias (Vimianzo) nos últimos catro séculos, realizando o que el considera unha “cala histórica na onomástica de Galicia”.

Nomes de ricos
A situación actual, na que os pais teñen potestade case absoluta para decidir os nomes dos cativos é ben recente. Ata o último terzo do século XX a relixión tiña un papel fundamental. O santoral era o provedor de nomes e a elección debía contar co veredicto favorable do cura. O “Dicionario dos nomes galegos” recolle o caso dun cura betanceiro que se negaba a bautizar a fillos de labregos con nomes como Maximiliano ou Luciano, por seren propios de ricos. A escolla quedaba reducida ó abano clásico dos José, Andrés ou Antonio.  

Nunha entrevista que lle fixo Carlos Casares, Ánxel Fole mencionaba a un crego de Quiroga (Lugo) apaixonado pola cultura romana, que impuña nomes como Rómulo ou Lucrecia.  E a mediados do século XIX Berdoias sufriu un “boom” de Simóns provocado por un frade demasiado orgulloso do seu nome.

Máis alá dos caprichos persoais, a elección estivo suxeita durante moito tempo á enorme carga moral que invadía á sociedade. Así, Bonifacio, Cucufate, Tiburcio ou Emeterio convertíanse nos  “nomes estigma” impostos aos fillos de solteira, unha sorte de “pecado orixinal” que quedaba como herdanza para toda a vida.


Pais “viciados”
En 1939, acabada de instaurar a ditadura franquista, prohíbese por decreto os nomes “exóticos ou extravagantes” emprazando aos pais “viciados” a cambialos por outros legais. Os Lenin, Octubre ou Libertad, xurdidos no breve espazo da II República, deben ser substituídos en pouco máis dun mes por outros amparados polo Santoral. A influencia da ditadura nótase tamén nas nenas chamadas África, virxe á que se encomendara o Xeneralísimo ao inicio da Guerra Civil.

Cos anos setenta e oitenta chega o aperturismo político que trae un sopro de aire fresco. A televisión entra na casa dos galegos acompañada de novos referentes culturais e comezan a aparecer as Ana Belén, Marisol, Karina ou Cristal

A Suelen galega debe agradecerlle o nome á "Sue Ellen", protagonista da serie “Dallas”, ao igual que as Alexis nacidas ao fervor de “Dinastía”. Nos 80 popularízanse as Vanessas -nome da filla de Manolo  Escobar- e o inglés vaise colando pouco a pouco froito da globalización cultural. Mesmo se dan adaptacións fonéticas e gráficas curiosas como Maicol (Michael) ou Brayan (Brian).

Nos últimos anos parecen regresar os nomes curtos e sinxelos, cun rexurdimento dos nomes galegos tradicionais recuperados da riqueza patrimonial como Uxía ou Brais e doutras linguas peninsulares, como os vascos Iker ou Itziar.

23/05/2007

5'0 (40 votos)

COMENTARIOS

28-05-2007 13:12

Moi interesante, estou moi sensible con este tema ;) Pero me dá que nin África nin Emérita.E Karina menos...

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Información relacionada

Buscar máis información sobre







Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso