Datos de interés

  • Martes 09.02.2010

Especial Letras Galegas '07

Novos artistas: 'O reto é conseguir que Touriño cante unha canción dos Dios ke te Crew'


Etiquetas: Letras Galegas, arte, xuventude

Anxa Correa. AGN (Santiago).

Son novos pero, a pesar das dificultades para abrirse camiño, apostan pola creación de cultura galega feita dende Galicia, mentres ven como o resto da súa xeración vai marchando.

Aínda que algúns deles se adscriben a máis dunha das artes tradicionais para dar saída á súa creatividade, en representación das artes plásticas, Jorge Perianes (Ourense, 1974) e Andrea Costas (Vigo, 1978); do audiovisual, Marcos Nine (Hannover, 1977); da literatura, Mario Regueira (Ferrol, 1979) e Antía Otero (Santiago, 1982); do teatro, Xiana López, de Nut Teatro (A Coruña, 1978); e da música, Xocas López (As Pontes, 1980), de The Homens, e Serxio Regos García (Santiago, 1984), de Dios Ke Te Crew, falaron con AGN do seu papel no futuro da cultura galega.


BUSCAR OCO... CARA DENTRO

Andrea Costas: En arte, o que se ve é que todo o mundo se vai. Noutros sitios hai unhas estruturas que aquí non existen.

Mario Regueira: Parece un tópico, pero da emigración aínda non estamos libres. Parece que pasaron 200 anos pero a xente segue marchando.

Xocas López: Iso é certo. Creo que a decisión de quedar aquí ao longo do tempo acaba queimando. O reto do que  queda é sobrevivir.

Antía Otero: E ao crear aquí, ás veces si que te sentes un pouco illado do que se fai fóra. En literatura, tiveron que botar o pé fóra algúns nomes para que dixeran: "¡Coño!"

Jorge
: Sí, es que existe la percepción de que estamos en el culo del mundo. Si en algo beneficia internet y estas cosas es que no hace falta estar en París para estar al día.

Marcos: Pero iso ten o seu punto heroico. Hai que intentar mellorar o teu sitio dando todo alí ata que non poidas máis. Quedar aquí é unha forma de que isto vaia para arriba.

Jorge:
Hace falta dinero para enseñar lo que hay aquí, y si la gente necesita la cultura de aquí, que se traduzca y que vengan a buscarla. Que no tengamos que ir nosotros a otros sitios.

García: No audiovisual, e na música agora tamén, hai moitísima pasta.

Marcos: No audiovisual, para curtas repartíronse o ano pasado medio millón de euros, cos que se fixeron 67 cortos, e daban axudas de ata 6.000 euros. Hai que facer canteira e fomentar novos creadores, pero non busques 70 curtas que están feitas sen pasta, fai 20.

Andrea: En artes plásticas teño a sensación de que seremos para sempre unha promesa.  E van ampliando os prazos das becas porque, cando saias de aí, é o baleiro.

Xiana López: As novas compañías agora teñen posibilidade de entrar no panorama do teatro, pero ás veces compites nos mesmos parámetros con compañías coñecidas, pero con menos cartos.


PERCEPCIÓN E MARCA

Antía: Eu creo que falta público porque a mirada hai que educala. Aquí durante moitos moitos anos estivemos sen educar a mirada, e iso está pasando factura.

Mario: Tamén se debe á dispersión, hai xente que nunha vila pequena está afastada dos grandes núcleos da cultura e non hai como acceder. E aínda arrastramos a política de gobernos anteriores de "a cultura porque si",
 
Xocas: O que estades dicindo de educar a mirada, dos públicos e todo iso paréceme moi ben, pero en realidade, os feitos culturais son un produto e están sometidos á lei do mercado.

O que vai ver a Van Morrison ou a ópera a 'Aida' igual non pisou un teatro na súa vida, pero vai porque é un acontecemento social, cousa que non o é ningún produto cultural galego, salvo un Celta-Dépor, se se quere considerar como tal. Eu non quero ser un produto de masas, non é a miña pretensión, pero creo que si que ten que haber produtos de masa coa marca galega. Como cos mexillóns, pero coa música, co teatro...



LINGUA
Xocas: A min marcoume o rock radical vasco, que non lle entendía ninguén as letras, pero iamos todos aos concertos como posesos.

Mario: E o gran logro do rock radical vasco é que conseguiu exportarse. E nós que ao mellor tiñamos un hábitat favorable polo mundo adiante, nunca na vida se aproveitou.

García: E iso de que "Vós é que cantades en galego, entón fóra non vale...".

Marcos: No momento en que pasas dos Pirineos para alá, o idioma en que fales dálles exactamente igual...

Antía: Hai algo que me preocupa, e é que se queres publicar en editoriais que teñan medianamente difusión, ou te queres presentar a un premio e ter oportunidade de publicar, tes que facelo en galego. Aí xorden moitas historias, cando a xente emprega a lingua para chegar a un fin. É fácil publicar un primeiro libro pero manter unha carreira literaria e unha traxectoria  é un pouco máis difícil, sobre todo se es novo.

Mario: Aí hai unha vantaxe, o non depender a túa economía do que estás facendo. Se a poesía galega é a mellor de Europa, como di Gamoneda, é en parte grazas a que non tes que ceder tanto.

Marcos: Estou de acordo, pero a supervivencia da cultura depende de que teña xente que se adique especificamente a ela e por outro lado, que exista público que o consuma.  A cultura galega está directamente ligada co idioma. Cada vez que un idioma morre, que unha cultura desaparece, o que está perdendo é unha cultura universal, non unha cultura particular.

Mario: Si, porque ademais vivimos nun país no que non se le, e case nada en galego. Eu quero crer que o público potencial é xente nova. O futuro está aí, aínda hai moito prexuízo dentro da xente nova.

Marcos: Hai un tema que nos complica a todos, que é que se fai un uso partidista do idioma e da cultura. Esa utilización da cultura é inaceptable e crea prexuízos. A frase de "Es do Bloque ou de aldea"...

Jorge: Lo que no se puede hacer es obligar a toda la generación de nuestros padres a emigrar, estar viviendo en otro país con otra lengua, que vuelvan y utilizar el gallego de una forma partidista.

Xocas: O que hai que conseguir é que Touriño cante unha canción dos Dios ke te Crew. [Risos]

Marcos: Eu, dende o meu punto de vista de vendido, creo na colaboración, creo que o futuro disto é que, xa que temos un mercado tan reducido, poidamos tirar cada un de distintas artes, colaborar entre nós e axudar a xente de aquí e fomentar o asociacionismo.

Xocas: É que moitas veces andamos moi pendentes do que fai a Administración cando ao mellor tamén podemos propoñer nós. A administración ten que garantir un acceso á cultura para toda a cidadanía, pero nós non podemos esperar que as súas políticas sexan a panacea, temos que seguir creando e facendo o noso camiño.




De esquerda a dereita
: Xocas Lopez, Mario Regueira, Antía Otero, Jorge Perianes, Andrea Costas, Sergio Regos e Xiana López

17/05/2007

4'5 (26 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso