Datos de interés

  • Sábado 20.03.2010

Especial Letras Galegas '07

Banda deseñada feita en GZ


Etiquetas: BD Banda, Polaqia, cómic, banda deseñada, Letras Galegas

Silvia Canabal (Santiago).

“A melhor geraçom autoral da história do país”. Así define Kike Benlloch, coordinador do colectivo Polaqia, á actual colleita de autores galegos de banda deseñada. Están a crear un selo de calidade propio para a historieta "made in Galicia" e a poñer as bases da supervivencia editorial da banda deseñada na nosa lingua. Son os responsables de crear a todo un exército de personaxes que viñeron ó mundo falando galego e non sufriron unha morte prematura.

Pasaron xa máis de trinta anos dende que en 1975, Xaquín Marín e Raimundo Patiño publicaran o que está considerado como primeiro álbum do noso cómic, Dúas viaxes. Daquela, a falta de industria levou ao cómic galego a coller os camiños da contracultura, e atopou o seu oco nos fanzines.

En 1989, aínda coa resaca da era punk, viña ao mundo Frente Comixario. Henrique Torreiro, debuxante e principal impulsor das Xornadas de BD de Ourense, foi un dos integrantes deste fanzine-cómic: "Conseguiu unha repercusión social inédita. Empezouse a falar de que se podía facer banda deseñada en Galicia, e abriu o camiño da normalización”.

Hoxe, a historieta galega está de moda. Basten as cifras do Salón Internacional do Cómic de Barcelona 2007: Miguel Anxo Prado, premio a toda unha traxectoria profesional; Barsowia, premio ao mellor fanzine; David Rubín, premio ao mellor autor revelación; BD Banda, todos os exemplares esgotados en tres días de feira.

Nova era da BD galega
A supervivencia editorial da banda deseñada galega quérese cimentar nas bases da calidade e da profesionalización. “Agora estase facendo unha obra de calidade, equiparable á doutros lados, e con continuidade. Ninguén nos pode mirar por encima do ombreiro”, sentencia Henrique Torreiro.

Kiko Da Silva é o director de BD Banda, nacida como fanzine en 2001 e editada agora como revista profesional. Coordina tamén a colección homónima en Faktoría K, a filial de banda deseñada de Kalandraka. Para el a profesionalización é posible: “eu levo vivindo como debuxante dez anos. O que pasa é que vivir só do mercado galego é un suicidio, porque é inexistente”.

Tradución, bidireccional

A supervivencia económica do cómic en galego pasa pola tradución. A día de hoxe, tanto Polaqia como Faktoría K publican en galego autores foráneos. Da Silva resalta que o selo BD Banda está a lograr "o que ata o de agora nunca se conseguira aquí, como é publicar en galego traducións de xente española incluso antes de que se publiquen en castelán”.

Benlloch lembra que "Barsowia leva nove números e quatro anos trabalhando sem pedir subvenções, construindo de onde nom havia nada, porque o cómic galego, quando chegamos, era um imenso deserto". "Como projecto independente e autogerido, ademais de autores galegos, edita em língua galega a creadores de Estados Unidos, Alemanha, França ou Holanda”.

Cruzar o telón de grelos
Pero o futuro pasa tamén porque os nosos autores saian fóra, e sen ningunha caste de complexos. Kiko Da Silva deixa clara a filosofía de BD Banda. “Reivindicamos que para que sobreviva a industria do libro temos que empezar a ver máis alá das nosas fronteiras, dese absurdo velo de grelos que nos poñemos os galegos por diante e que non queremos ver máis alá”.

Para o autor pontevedrés, “unha boa industria cultural é aquela que se traduce a outros idiomas”. “A maneira de facer país é conseguir que os nosos autores poidan adicarse a facer banda deseñada en galego. Para iso teñen que recibir unha dotación económica digna, e o único modo de logralo é ofrecerlle publicar en varias linguas, porque as tiraxes que se fan en Galicia son míseras".

Sobra vontade e calidade. Pero escasea o mercado. Os culpables: falta de apoio editorial, baixos índices de lectura, e que o cómic aínda é para algúns o irmán pobre da literatura “adulta”. Henrique Torreiro lembra que “para moitos editores o cómic segue a ser só algo infantil e didáctico, que vale para aprender a ler cando es un mocoso e a partir de aí hai que adicarse a cousas serias”.


Dignificar a lingua
Ata o de agora o galego no cómic, máis que cuestión de mercado, foi cuestión de militancia. Benlloch lembra que "em geral a vangarda na defensa da língua no cómic vem da mão de iniciativas autopublicadas". No caso particular de Barsowia, cando se optou porque non tivese edición bilingüe foi complicado asumir o risco. “A minha tese era que se o material era bom avonde, íamos chegar longe independentemente do idioma empregado. A apertura de mentalidade de boa parte do mercado espanhol foi clave para o lograrmos”.

E así foi: Barsowia xa leva gañados dous premios do Salón do Cómic de Barcelona e distribúese en tendas especializadas de todo o estado. “O leitor de cómic em geral é bastante aberto coa questom do idioma, lê em inglês ou francês; e Polaqia e BD Banda están desenvolvendo umha marca de qualidade própria que fai que tamém considerem a possibilidade de ler em galego”, di Benlloch.

En galego, dende o corazón
A normalización non se consegue só a golpe de subvención. “Os resultados da política lingüística da democrácia até hoje parecem-me dramáticos”, afirma Benlloch. “De nom ser polo Xabarín Club e Os Resentidos, às vezes parece que nada realmente bom se fixo coa língua galega em clave contemporánea desde finais dos setenta”.

O futuro, como non podería ser doutro xeito, pasa polos cativos. “Os pequenos, que ao fin son os que van normalizar a nosa lingua o día de mañá, teñen que poder ver os seus debuxos animados ou ler os seus cómics na nosa lingua, e acabarán perdendo eses prexuízos que temos nós”, pensa Da Silva. “É a maneira de que se acheguen á lingua dunha forma natural, facelo dende o cariño, dende o corazón”.

----------------
Imaxes (por orde):
Cartel das Xornadas de BD de Ourense 2006, ilustrado por Alberto Vázquez
Capa do novo BD Banda, cun detalle da historia de Albert Monteys
Capa do Barsowia número 9, ilustrada por
Brais Rodríguez
Detalle de 'Fiz e os biosbardos', obra de Kiko Da Silva

17/05/2007

5'0 (19 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso