Gustavo Harvey (Ferrol).
Onte o Teatro Jofre de Ferrol foi o escenario incomparábel para acoller o nacemento oficial dun movemento que vai dar moito que falar: o Dobarrismo. Artistas tan, aparentemente, diferentes como Faltriqueira ou Silvia Superstar fixeron fronte común na homenaxe que a CRTVG gravou para emitir en breves datas.
A gala foi dirixida de xeito maxistral por un xenial Luís Tosar que mesmo se animou a cantar 'Corpiño Xeitoso' ante a atenta mirada do ateigado auditorio. Novas promesas do indie galego como Ataque Escampe ou Nouvelle Cuisine amosaron que o relevo xeracional está garantido. Tamén os ferroláns Quant colleron o seu dos míticos Sprinters, a banda de Andrés do Barro, presentando o videoclip do tema 'Pois eu' no mesmo lugar onde 36 anos atrás estreouse 'En la red de mi canción', o filme que levara ao Andrés ao cumio do star system pop ben acompañado por Conchita Velasco.
Entre os coñecidos do público tivemos a oportunidade de ver unha vez máis a Cómplices ou ao incombustíbel Micky, o de Los Tonys, que fixeron mover aos yeyes acompañados dunha banda de luxo creada para a ocasión a Banda Saudade de Ti, un grupo formado por músicos da talla de Piti Sanz.
Faltriqueira engaiolaron aos espectadores cantando descalzas, ao estilo Sandie Shaw, o coñecido Un poquito de mambo... ou así. Xoan Rubia fechou as feridas abertas nos anos setenta entre o colectivo Voces Ceibes e Andrés do Barro, declarándose abertamente dobarrista. Houbo tempo para anécdotas familiares, mensaxes de persoeiros da cultura máis ou menos achegados ao Andrés e mesmo Lucía, a neta do cantante, animouse a cantar 'O tren' ante o aplauso cómplice do público.
Os momentos máis emotivos chegaron no final cando Xavier Alcalá escritor e amigo do Andrés entregou a súa última versión da letra de 'Saudade de ti' a unha Ugia Pedreira tan grande que encheu coa súa voz o espazo todo do recinto. O Real Coro Toxos e Froles cantou a capela a emotiva 'Adeus, adeus' que fechou o evento con un público en pé dando palmas polo esforzo de tantos artistas a cantar en directo algo do que sempre estaremos agradecidos os alí presentes.
Certamente foi un acto de xustiza, de modernidade, de galeguidade e sobre todo de futuro. A seguro que este momento se recordará como un fito histórico na historia da música moderna galega. Xa temos o noso movemento para este novo século no que aínda andabamos orfos. Se a Movida Viguesa ou o Atlantismo foron as etiquetas dos anos oitenta e o Bravú ou a Xeración Xabarín foron os referentes dos noventa este milenio estrease co Dobarrismo. Andrés do Barro patriota pop e que sexa por moitos retrousos.
16/05/2007