Eliana Martíns/Juan Castro (Santiago).
Sexas mileurista, mediomileurista, casado con fillos ou solteiro con complexo de Edipo, tranquilo, os bancos adaptaranse sempre ás túas necesidades. ¿35 anos e segues a vivir na casa dos teus pais? Despois dunha carreira, un máster e tres anos de bolseiro que te levaron a asinar con sangue un contrato temporal, vai sendo hora de devolverlle á sociedade os favores prestados.
¿Que che parece unha hipoteca xove a 50 anos? Destinando unha módica cantidade, entre o 40 e o 60% da túa nómina, ese pisiño precioso nas aforas pode ser teu. É comprensible que che dea medo facelo en solitario, pero sempre podes recorrer a unha parella con nómina. A pesar do que digan algúns, a familia tradicional non corre perigo nunha sociedade con sólidos lazos edificados sobre débedas e préstamos. Máis do 80% dos novos fogares formados en Galicia pasan polo trámite de pagar unha hipoteca.
O que o interese variable consiga unir, que non o separe o Euribor.
Búscase compañeiro de hipoteca
Certo é que os tempos cambian e a fidelidade xa non é o que era, así que é normal temer que a relación amoroso-hipotecaria acabe por non funcionar. Sorte que o sector bancario teña esa capacidade de adaptación ás novas realidades sociais.
“60 metros cadrados, luminoso e con calefacción central. Búscase compañeiro para compartir hipoteca”. En aparencia, ver este anuncio pegado nunha farola ou nun taboleiro desafía a todo sentido común. Malia todo, as hipotecas compartidas, son unha das solucións propostas para perpetuar o soño da vivenda en propiedade, mesmo se hai que distribuír esa ilusión entre varios.
Procedente de Gran Bretaña, este produto chegou con timidez a España, aínda que a maioría das entidades bancarias ofrecen novos préstamos nesta dirección. Non sería de estrañar a súa extensión dada a nosa querenza pola vivenda propia, a pesar das dificultades para acceder a ela. As familias españolas adican o 42% da súa renda á compra, unha porcentaxe que se eleva ata o 55% no caso dos máis novos. Inmigrantes, persoas divorciadas ou separadas e mozos profesionais que pasan longas tempadas fóra da cidade de orixe son outros sectores beneficiados por este remake capitalista das “citas a cegas”.
¿Existe saída de emerxencia? Este préstamo require confianza, pero non ilimitada. A principal particularidade das hipotecas compartidas son as vías de escape que incorporan para casos de arrepentimento ou morosidade, facilitando a liquidación e cancelación do crédito e sen que afecte aos demais co-hipotecados.
Para gustos pintan hipotecas
Hipotecas de interese fixo, variable, mixto, xiratorias, tranquilas, revolving, recargables, laranxas, de cota blindada, por tramos, multidivisas... É a revolución do “freshbanking”: un completo mosaico para entrar no do club do insomnio crónico e de adictos ó Euribor. A taxa de endebedamento en Galicia supera xa o 40% da salario bruto, pero se che falta liquidez para un caprichiño ou non chegas a fin de mes, sempre podes ampliar a hipoteca ou pedir un préstamo ó consumo. A vida a prazos pode ser marabillosa.
E cando cumpras os 90 anos, poida que sintas un inmenso baleiro ó liquidar a túa hipoteca xove e consumir a última gota dese elixir da eterna xuventude. Nese intre, comprobado que os 560 euros de pensión media que reciben os retirados galegos non dan para luxos, será o momento de aceptar a realidade: entre ti e as hipotecas había unha relación para toda a vida. Así que para recuperar ese cordón umbilical, aí está a hipoteca inversa.
Sen abandonar a vivenda, a túa pensión incremetaranse nunha media de 700 euros. A débeda deste dourado atardecer pasará os teus herdeiros, que sempre poderán liquidala -xunto ós intereses- para quedarse co pisiño. E ao son do bolero de Machín sonará “toda una vida, me estaría contigo, no me importa en qué forma...”
SE O SEI NON ME HIPOTECO
HIPOTECAS GALEGAS EN CIFRAS
(Datos do INE e da Asociación Española de Hipotecas)
16/05/2007