Eliana Martíns (Santiago).
Unha de cada tres familias galegas vive con menos de 1.000 euros ao mes, nin sequera chegan á condición de 'mileurista', segundo os datos da última Enquisa de Condicións de Vida das Familias, elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE). A media de ingresos anda polos 1.800 euros por mes e fogar, só o 11% supera os 3.000 euros. Por provincias, a contía media por persoa sitúase en 650 euros na Coruña, 600 en Lugo, 590 en Ourense e 580 en Pontevedra.
Para sindicatos e consumidores, esta cifra é insuficiente para formar unha familia se ademais hai que facerlle fronte a unha hipoteca. O coste dos pisos sobe a un ritmo cinco veces superior ao dos salarios. Ademais, un de cada tres fogares galegos vive de prestacións sociais, o que deteriora a dinamización da pirámide poboacional.
E chegar a fin de mes, con estas cifras non é fácil. Tres de cada cinco galegos ten problemas para acabar o mes, e un fogar de cada dez ten ingresos que o sitúan por debaixo do umbral da pobreza.
14/05/2007