Juan Castro/AGN (Santiago).
Primeiros comicios municipais despois da formación do goberno bipartito coa incógnita dos efectos que esta viraxe na Xunta poida ter a nivel local.
A batalla polas sete grandes cidades galegas condicionarán o resultado dunhas eleccións onde socialistas e nacionalistas queren variar a hexemonía que o PPdeG mantén coa alcadía en 214 concellos. Entre as grandes cidades, as enquisas sinalan maiorias moi axustadas en Vigo, Ferrol e Ourense.
Pegada de carteis
Emilio Pérez Touriño participou na pegada de carteis en Ourense. O líder dos socialistas pedíu o voto ós galegos para "fortalecer o cambio dunha Galicia en marcha, para achegar o cambio para todos os cidadán e devolverlles o protagonismo que democraticamente lles corresponde".
Na súa opinón, o voto dos galegos "pode garantir rematar coa Galicia das dúas velocidades, unha Galicia, territorialmente desequilibrada e socialmente inxusta". Pérez Touriño dixo que "votar socialista significa completar o proxecto de cambio que levan a cabo os gobernos de España e de Galicia, e avanzar no sendo do progreso, do benestar e da igualdade de oportunidades".
O presidente do PPdeG e líder da oposición, Alberto Núñez Feijoo abríu a campaña apoiando á cabeza de cartel en Vigo, Corina Porro. Sinalou a súa formación como a gran esperanza para "unha Galicia que suma esforzos, e que non se enfronta" e declarou que apostar polo PPdeG é facelo por "un futuro que devolva con creces aos galegos o seu empeño en dar cada día o mellor de seu".
A praza de Praterías foi o lugar elixido por Anxo Quintana para iniciar este último tramo cara as eleccións porque "na capital de Galiza simbolizamos a nosa presenza en todo o país". Quintana opuxo a forma de facer política do BNG á de PP e PSOE, cun "estilo propio de entender a política que se basea en solucionar os problemas da xente" e asegurou que non vai entrar "no xogo que propoñen, o de debater a ver que o fixo peor". Asegurou que o nacionalismo "ten un proxecto para os 315 concellos do país, máis tamén un proxecto para o país" e están en "en contra de crear reinos independentes en cada concello".
11/05/2007