Rosa Aneiros (Santiago).
Lagoa da Frouxeira (Valdoviño). Costa de Dexo. Serra de Enciña de Lastra. Complexo litoral de Corrubedo. Devesa da Rogueira do Courel. Ancares. Cabo Touriñán. Illa de Ons. Esteiro do Miño. Serra do Xurés. Ría de Ferrol. Ría de Foz. Sobreiras do Arnego. Serra do Careón. Esteiro do Tambre. Monte Pindo e areal de Carnota. Illas Cíes. Costa da Vela. Gándaras de Budiño. Estaca de Bares. Costa Ártabra. Monte e lagoa de Louro. Río Landro. Praia das Catedrais. A Langosteira. Cabro Udra. Río Anllóns. Brañas do Xestoso. Ría do Porto. Val do Limia. Bidueiral de Montederramo. Praia de Miño. Fragas do Eume. Veiga de Ponteliñares. Fisterra. Serra do Candán. Monte Aloia. Río Éo. O Baleo. A Capelada. Quilmas. Costa Galloufa. Non é unha enumeración dunha inmobiliaria. Tampouco unha ladaíña. Non o é.
Porque este país nin está en venda nin se acomoda nas palabras dos dirixentes para confiar cada ferrado na vontade dos empresarios da destrución. Por iso, a manifestación do domingo en Santiago, convocada por corenta colectivos sociais e ecoloxistas, demandou sete medidas concretas: o necesario cumprimento da lexislación vixente, a posta en marcha dunha nova Lei de ordenamento do territorio, a promoción dunha estratexia de xestión integrada do litoral que permita un desenvolvemento sustentable, a protección efectiva dos espazos naturais, a ampliación destas figuras de protección ambiental e a transparencia e participación da cidadanía nas decisións que afectan ó territorio. Esiximos o respecto ao aire que habitamos, o chan que pisamos, a auga que bebemos e o horizonte que divisamos. Non suplicamos. Esiximos. E non. Non estamos en venda.
08/05/2007