Datos de interés

  • Xoves 18.03.2010

Exportando música galega

Galicia on the road


Etiquetas: empresa, música

Anxa Correa. Nova+ (Santiago).

Se a un xaponés lle pedimos que diga unha marca de sidra, é posible que poña máis cara de póker que se lle preguntamos por Milladoiro ou por Carlos Núñez. Isto botaría abaixo algún que outro slogan, pero tamén deixaría descolocado a máis dun galego. Cada día son máis os artistas da terra que, sen temperar gaitas, buscan aplausos do público internacional.

Valla como exemplo a recente xira de Carlos Núñez en Xapón, que culminou o día 9 de maio en Tokio. Pero tamén poderiamos falar de Cristina Pato, que vén de celebrar uns recitais en Chicago e Boston e que volverá a finais deste mes ao festival intercéltico de Monsac, con Mutenrohi.

Berrogüetto viaxará ao completo a México este mes, onde teñen concertadas tres actuacións, e a Seivane reunirase cos curmáns irlandeses. E como non, Milladoiro, que con máis dun cuarto de século de traxectoria ás costas, vén de rematar unha xira por Holanda.

Non é que teñan o sangue emigrante metido nas veas. É que a boa parte dos músicos galegos, o mercado a este lado do telón de grelos, quédalle pequeno.

Enriba das táboas
A venda de discos no estranxeiro depende en boa parte da presenza do grupo nos seus escenarios. Dende Abada, a empresa que xestiona as xiras de Marful, Leilía, Nordestin@s ou Berrogüetto, recoñecen que o mercado de fóra “compra máis discos e non dubida en pagar para ir aos concertos”. A súa teoría é que “unha xira compensa sempre. É un investimento de futuro para o grupo”.


“As xiras resultan rendibles porque abren mercado e teñen repercusión social”, di Juan Carlos Fasero, de Zouma. “O mercado internacional é simbólico, pero un grupo vende máis nun concerto no estranxeiro ca en xiras por Galicia”.

Na estrada
¿Cómo chega ao estranxeiro un artista galego? Tradicionalmente hai tres camiños: moverse polas canles de promoción profesionais, darse a coñecer a través de feiras musicais ou ben a imprevisible corredoira do boca a boca. Mercedes Peón, por exemplo, conta que , “a maior publicidade que tiven foi que á BBC se lle dese por dicir que Isué era o mellor disco de world-music do ano”.

Nordesía, por outra banda, non perde de ir ás feiras especializadas en música de raíz para presentar os traballos de Budiño, Uxía ou Luar na Lubre. O apoio institucional comeza tamén a notarse por vez primeira. A música galega en pleno asistiu á última edición do Midem, en setembro poderemos atopala no Popkomm e un mes despois no Womex, especializado en world-music.

Cuestión de euros
Fasero estima que para o lanzamento dun artista se precisan entre 90.000 e 100.000 euros, “unha cantidade que non teñen as discográficas de Galicia”. Porén, as vendas dos discos galegos “non son importantes para as grandes compañías, que só apostan por modas”.

É por iso que, hoxe por hoxe “non atoparás o primeiro disco de Chouteira”, mentres que calquera outro traballo editado en Galicia “ten maior proxección a longo prazo”. “Para nós, é algo máis ca económico”, di Fasero.

Para Abada se algo teñen as pequenas discográficas galegas é a capacidade para conectar coas distribuidoras. Para eles a música e as empresas galegas “están preparadas para exportar. E con calidade”.

09/05/2007

5'0 (2 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso