Silvia Canabal/Eliana Martíns (Santiago).
“Este país non valora o traballo nin a capacidade científica da xente. O máis importante aquí é ter un bo padriño, é realmente desmoralizante. ¿Que é o que teño que facer para voltar a Galicia?”. Marcos Mariño é un cerebro fugado hai máis de 10 anos. Hoxe é investigador da teoría de cordas, nun dos grandes templos da Física, o centro suízo do CERN. En Galicia non atopaba sitio para traballar. Araceli Varela tamén investiga neste centro onde naceu a web e os dous coinciden en que están en Suíza porque non poden volver.
Galicia exporta unha nova xeración de emigrantes, que a diferencia das anteriores, levan as súas maletas cargadas de títulos, másters e doutoramentos. Os destinos son os centros investigadores máis punteiros do mundo, un sector chave para o desenvolvemento e polo que o nos país aínda non se atreveu a apostar.
“É bastante normal, é beneficioso e necesario, que o periodo postdoutoral se realice nun laboratorio diferente de aquel no que fixeches a tese”, explica Susana Martínez-Conde, investigadora en neurociencia. Esta coruñesa que hoxe ten o seu propio laboratorio en Arizona, Estados Unidos deixou Galicia hai dez anos “polo acceso ao inglés e a unha forma de investigar diferente”.
Experiencia trampa
“A idea que tiña eu era de irme un par de anos e logo volver”, di Susana. É o que Araceli define como unha “experiencia trampa”: é moi enriquecedora, pero “cando intentas volver tes todas as portas pechadas”.
As oportunidades son maiores nos laboratorios do estranxeiro. Susana cre que un científico “debe ir ao lugar no que a oferta e os recursos que se te van adxudicar son os máis beneficiosos para o teu programa de investigación”, porque “teñen recursos e infraestruturas que non se atopan no país”.
Ese é o obxectivo co que saíu Julio González, que acaba de iniciar a súa etapa postdoutoral, na Kellogg School of Management. “Pareceume interesante traballar ao nivel o máis alto posible durante un par de anos”, aínda que é consciente de que “está moi complicado facer investigación en Galicia”, asegura este doutor en Estatística. “Agora estou no mellor sitio onde podería estar”,
Endogamia
“A principal causa da fuga de cerebros é a falta dunha carreira investigadora coherente”, é o diagnóstico de Xosé Álvarez, vicepresidente de Precarios, a organización que agrupa ao persoal investigador non contratado. A “endogamia” na selección do persoal, a ausencia de “criterios obxectivos” son outras rémoras que detecta este colectivo.
Marcos Mariño comprobou que “as prazas xa teñen nome e apelidos”. Tratou de volver dúas veces como profesor na Facultade de Física na USC, pero os criterios que lle pedían eran “absurdos”. “Xa pode vir un premio Nobel e non lle dan a praza, porque a puntuación que lle vai dar a súa carreira de investigador é moi pequena en comparación coa de ter dado clase na USC”, di Marcos, “é un insulto a moita xente que está facendo o seu traballo fóra”.
E é que tanto Marcos como os seus compañeiros de reportaxe teñen un expediente brillante, plagado de mencións e de premios extraordinarios, pero que non se valoran para traballar aquí. O problema que este físico detecta é “o carácter feudal das súas relacións”.
Susana sinala que o principal obstáculo está en “poder soster laboratorios cos recursos limitados dos que se dispón”. De feito, o investimento en I+D en Galicia é a metade do da Unión Europea. En 2004, segundo o Plan in.ci.te da Consellería de Innovación e Industria, había 5.600 investigadores na nosa comunidade, mentres a OCDE recomenda case o dobre.
Condea de bolseiro
“Se queres quedar aquí estás condenado a ir saltando de bolsa en bolsa e de contrato precario en contrato precario”, di Xosé Álvarez. Por iso é cada vez máis difícil que os investigadores que agora a Xunta pretende traer de novo a Galicia o fagan. Marcos Mariño non se propón vir cunha bolsa, “non podes crear un programa universal para traer a todo o mundo”.
As condicións son moi diferentes, tal e como explica a directora do laboratorio Martínez-Conde, “se queres competir ao máis alto nivel internacional, non podes decidir quedarte nun sitio porque alí están as túas raíces ou porque che gusta o clima”. “O feito de que non se recoñeza nin o traballo nin a capacidade é a mellor receta para o subdesenvolvemento”, indica Marcos, xa que non serve como estímulo na súa sociedade. “Cando polo mundo adiante te tratan ben e na túa casa non, ao final non vés”, conclúe.
Araceli non cre que se deba sentir orgullo pola cantidade de galegos que hai investigando por todo o mundo, xa que “está alí porque non pode estar aquí”. “A moita xente gustaríalle volver a Galicia coa súa capacidade produtiva e científica, e estar traballando para o país, para Galicia”, e entende que é “ridículo estar educando xente que sae cun currículum moi bo e que vai ás mellores universidades do estranxeiro” e deixala marchar.
Máis recursos
“Os recursos humanos galegos están sen explotar”. Para Susana Martínez-Conde “os laboratorios estranxeiros poderían estar pelexando por ter acceso a este persoal investigador de tanta calidade”. A clave está en aproveitar para o progreso do país este capital humano, pero para iso a Xunta ten que facer unha aposta decidida polo I+D+i. “Temos a garantía de que eses cartos serán recuperados con creces, non podemos ser cicateiros neste momento”, explican dende Precarios.
Pero non todo se arranxa con euros. “Que se aseguren de que nunha oposición gañe o posto a xente máis capaz, con mellor currículum e capacidade científica”, é a principal demanda de Mariño. Non é suficiente a creación de centros de investigación se non hai un verdadeiro plan, porque como explica Xosé, non serve de nada a “investigación de formigón” se non se integran os recursos humanos.
“Mesmo se aquí non hai os mesmos medios que noutros lugares”, di Araceli, “hai un montón de xente á que lle encantaría volver a Galicia”. Son cerebros prestos a regresar da súa fuga, como explica Julio: “estaría disposto a renunciar a certas cousas a nivel profesional e económico por ter unha estabilidade cerca da miña xente”.
14/05/2007