Datos de interés

  • Sábado 04.07.2009

Acceso a internet

A banda larga no rural galego segue a ser unha utopía


Etiquetas: que rule, internet, interactivo, banda larga, rural, fenda dixital

Silvia Canabal/Marcos Ferro (Santiago).

Coa promesa de lograr por fin infraestruturas e medios para acabar coa fenda dixital, Galicia ve como ano a ano mellora o acceso á banda larga. O Plan Estratéxico Galego da Sociedade de Información (PEGSI) prevé que en 2010 se ande preto da cobertura total. Pero os prazos incumpridos son terreo abonado para que medre o escepticismo.

En 2005, o Programa Nacional de Extensión da Banda Ancha (EBA) anunciaba o seu obxetivo de conseguir que a alta velocidade chegase a toda a poboación en tres anos. A Xunta xa prometera meses antes que en 2007 todos os galegos terían acceso á banda larga. Pero os prazos esgótanse e a fenda dixital segue agrandándose ao mesmo ritmo que mellora a conexión nas cidades.

O propio PEGSI recolle que a cuarta parte da poboación galega non ten aínda acceso a conexións de alta velocidade. Segundo o Galimap quedan aínda 90 concellos sen banda larga no seu territorio, case todos de menos de 5.000 habitantes e afastados do corredor atlántico.


Chegar a todas partes
Dispersión poboacional, orografía complicada, falta de interese por parte da poboación... Os pretextos esgrimidos polas empresas son "excusas de mal pagador”, di Marcus Fernández, webmáster de Código Cero. ”Se a TVG pode facer unha retransmisión no medio do monte, tamén se pode levar internet ata alí. ¿E logo Suiza non ten banda larga?”. Temos a tecnoloxía, pero fáltanos invertir en infraestruturas.

¿É caro levar o fío ó rural galego? Para as compañías, o custo é a causa dos retrasos. Para Mariano Grueiro iso é “falar dende o punto de vista da cidade: din que é moi caro levar a rede ó rural, pero non se fala do que custa levar as pezas dun aeroxerador á cima dun monte, a loxística é moito máis complexa que dar internet a todo o rural galego”.

A alternativa sen fíos 
A día de hoxe, as tecnoloxías sen fíos son a gran promesa. Satélite e cobertura móbil chegan a todas partes, pero a prezos aínda prohibitivos. O WiMax pode ser unha alternativa máis económica para as zonas rurais. Sempre que as operadoras se atrevan a ir máis alá das experiencias piloto e do parapeto das subvencións públicas.

O proxecto das cidades dixitais, subvencionado pola UE para a inclusión na sociedade da información de zonas illadas, fixo posible despregar unha rede WiMax no municipio da Estrada. É o concello galego con máis aldeas dispersas polo seu territorio: 458 núcleos en 51 parroquias. A algunhas vivendas nin sequera chega o fío de teléfono, pero dende febreiro de 2007 poden contratar a alta velocidade.

Outros proxectos non tiveron a mesma eficacia. As Pontes tamén é unha vila dixital, pero alí o despregue da banda larga reduciuse a instalar puntos de acceso público nas antigas escolas parroquiais. E mentres, nalgunhas aldeas do concello, a única vía para conectarse á rede é o TRAC, o paleolítico terminal rural de acceso celular de Telefónica que depende da cobertura de móbil, deficiente en moitas zonas.

Dúas fendas: acceso e calidade
A Lei de Servizos da Sociedade da Información convertiu o acceso a internet nun servizo universal, obrigando ás operadoras a garantir, dende hai máis de dous anos, que toda a poboación puidese conectarse á rede. Na práctica, o fío de cobre e a cobertura móbil non chegan aínda a todas partes, así que nin falemos da banda larga.

Os TRAC desapareceron de Mazaricos hai apenas uns meses, pero a alta velocidade retrasa a súa chegada. A casa do Concello convertiuse nun cíber improvisado para algunhas persoas que utilizan a súa rede wifi dende o exterior do edificio. "A nós non nos importa que a xente se conecte aquí", di Fernando Rial, técnico informático do Concello. "É que non hai outras alternativas. En todo o municipio este é o único punto con acceso a banda larga, e iso grazas ao satélite".

Bianca vive no barrio compostelán do Sar, a dez minutos do centro, e pasou máis dun ano tentando contratar unha liña ADSL. “Chamei a todas partes, chegaron a prometerme ata 20 megas, pero logo resultaba que o servizo non estaba dispoñible”. Previa ameaza con dar de baixa a liña, a alternativa de Telefónica foi un ADSL rural... ¡no medio de Compostela! Este servizo creouse para achegar a banda larga “a zonas illadas que non poidan dispor dun ADSL normal”. Tan só en Galicia, a compañía cobrou máis de cinco millóns de euros de subvención directa dos fondos FEDER e outro tanto de créditos sen intereses para poder dar este servizo.

Pasos pequenos
Nunha década, Internet convertiuse nun piar fundamental para o desenvolvemento social e económico, e Galicia avanza novamente nos vagóns de cola. A falta de interese de parte da cidadanía tampouco pode ser excusa. Xestión de explotacións gandeiras a distancia, expansión da eAdministración, comunicación entre núcleos espallados...  Servizos adaptables á realidade galega para os que o ADSL rural, de menor calidade e a maior prezo, non é unha alternativa válida.

En palabras de Marcus: “tendo en conta que o poder adquisitivo no rural é menor, resulta que pagan máis os que menos teñen. E a cambio reciben menos“. Se queremos superar a fenda dixital, que o rural se sume ó futuro, é precisamente aí onde se deben centrar os maiores esforzos. Pero a día de hoxe, as autoestradas da información teñen aínda demasiadas tramos sen asfaltar.

11/05/2007

4'8 (29 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Buscar máis información sobre








Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso