Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Relevo en Francia

'Sarko Président', a man de ferro colle as chaves do Elíseo


Etiquetas: Sarkozy, Francia, eleccións

Juan Castro (Santiago).

Ademais das chaves do Elíseo, Nicolas Sarkozy recibirá hoxe de Jacques Chirac ós códigos que controlan o arsenal nuclear francés, todo un símbolo do anacronismo no que segue anclada Francia dende hai décadas, unha nación con ínfulas de "Grandeur", aferrada ó seu pasado imperial. Un avó que segue soñando con batalliñas.

Nominalmente Francia continúará baixo a Vª República, pero ninguén dubidaba que o gañador das eleccións sería o encargado de rematar con esa era institucional, xurdida da Segunda Guerra Mundial. Tanto Sarkozy como Royal chegaron o liderado da política francesa cunha mensaxe renovadora, mesmo revisionista, crítica con esa Francia ensimismada allea ó que ocorre no resto do mundo.

O eleitorado francés, cansada da burocracia e da rutina política, sintonizou con esas ansias de cambio e, paradoxicamente, entregou as chaves do Elíseo a quen foi ministro en tres gabinetes diferentes de Jacques Chirac, o político que encarna ese pasado de falsa gloria e nulo futuro. Malia isto, a etiqueta conservador non debe levar a enganos. Sarkozy chega  disposto a dinamitar as vellas bases do establishment coa mesma man de ferro coa que liderou a crise dos suburbios en outono do 2005.

Insaciable vontade de poder
"Non se chega a nada de casualidade". Hai algunhas semanas, François Fillon, home de confianza de Nicolas Sarkozy e previsible primeiro ministro francés, confesaba á televisión francesa TF1 que esa era unha das frases preferidas do flamante sucesor de Jacques Chirac.

Á fin e ó cabo expresa as claras o carácter dun home ambicioso, un meticuloso estratega para os seus estrategas, un fagocitador de poder para os seus rivais. A súa carreira política, estreada con tan só 22 anos, deixa atrás moitos éxitos e algún fracaso ata chegar ó Palacio do Elíseo, pero sobre todo inimigos, moitos inimigos, especialmente entre as filas do seu propio partido. O maior, sen dúbida, o seu antecesor no cargo, un Jacques Chirac que nunca perdoou que o seu "afillado" apoiase a Édouard Balladur como candidato para as eleccións presidenciais do 2005. Pero Balladur quedou na cuneta e a ferida nunca cicatrizou de todo.  Tampouco axudou as repetitivas declaracións de Sarko, postulándose como sucesor xa dende 1999.

"Acabarán con tortícole de tanto verme rebotar"
Tras a afrenta do 95, Chirac tentou eclipsar a figura emerxente de Sarkozy, con escaso éxito. Relegado á unha lista menor nas eleccións europeas no 99 -o maior fracaso político de 'Sarko'-, renaceu ata facerse coa presidencia do RPR, o gran partido da dereita gaullista refundado hai cinco anos na UMP; ignorado para o posto de primeiro ministro no 2004 en detrimento de Dominique de Villepin -'delfín' de Chirac-, lanzou a súa imaxe como candidato dende o ministerio de Interior, onde dirixíu con man de ferro á policía nas revoltas dos suburbios no outono do 2005.

Á longa, o enfrontamento perpetuo con Chirac e coa dereita institucional foi o seu gran trampolín ó Elíseo. O enfant terrible da Dereita presentouse como o único co discurso e coa experiencia suficiente para sacar do seu letargo a unha Francia moi tocada nos últimos anos. Nun lustro, a sociedade francesa soportou ó ultra Le Pen nas presidencias, o aumento da inseguridade, as revoltas nos suburbios, as protestas estudiantís e a paralización do Tratado Europeo despois da victoria do Non no referendo.

A dereita sen complexos, cara a VIª República
O seu asalto ó Elíseo parece milimetricamente calculado dende hai anos e finalmente a súa ambición deu os froitos desexados. Co discurso dunha Dereita sen complexos, atopou un graneiro de votos no electorado habitual de Le Pen con propostas de endurecemento de penas cara os delicuentes xuvenís e da creación dun ministerio da inmigración que dificulte a entrada de inmigrantes e o seu reagrupamento familiar. Foi firme onde Ségolène Royal pareceu débil, e soubo reunir en torno a súa figura a toda a Dereita, un apoio decisivo que lle fallou á socialista entre as súas filas.

O ascenso de Sarkozy ó Elíseo representa a fin dunha era, a dos "elefantes", grandes figuras da política francesa que chegaron á Presidencia tras coñecer a IIª Guerra Mundial. 'Sarko' chega á presidencia cunha mensaxe de ruptura co pasado que leve a Francia cara a VIª República, cunha severa posta ó día das institucións. Está por ver se será quen de renunciar en favor do parlamento ós amplos poderes que a Constitución reserva para o presidente. De momento, a oposición xa advirte que o programa de Sarkozy necesita dun forte contrapoder que equilibre a balanza. Comezou a carreira pola terceira volta, as lexislativas de xuño.

16/05/2007

0'0 (0 votos)

Redes sociais

Fotos

Sarkozy despois da súa victoria nas presidenciais
Sarkozy despois da súa victoria nas presidenciais

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso