Xeracion.
As obras do porto exterior da Coruña reábrense hoxe, tras dous días de peche. A única zona que se manterá illada, por orde da Inspección de Traballo, é a canteira na que faleceu o operario José Ramón Fernández Maza este martes, ao caer co seu camión dende unha altura de dez metros. O comité e empresa e a CIG insisten en que é unha decisión errónea autorizar que continúen os traballos en Punta Langosteira, nos que xa morreron catro obreiros en dous anos.
A CIG, maioritaria na Unión Temporal de Empresas (UTE) encargada de construír o porto exterior, insiste en que Traballo debe revisar a seguridade laboral de todo o proxecto, non só a da canteira, xa que as mortes e os accidentes demostran que é perigoso. O último accidente mortal, ocorrido en febreiro de 2006, tivo lugar nun dos diques.
Cargan a responsabilidade dos obreiros
A Autoridade Portuaria da Coruña e as empresas da UTE cargan a responsabilidade nos obreiros, dos que din que incumpren as normas de seguridade laboral, ao incumprir os límites de velocidade dos vehículos ou conducir empregando reprodutores de mp3.
Así a todo, suponse que a morte de Fernández Maza, que tivo lugar cando xa era noite, estivo causada pola falta de iluminación artificial na canteira.
O porto conta con ter un novo plan de traballo para a canteira nunha ou dúas semanas.
30/11/2007