Xeración (Santiago).
Caracas díxolle 'non' ó proxecto de reforma da Constitución ideado por Hugo Chávez. A rúa Bolívar foi o escenario dunha multitudinaria marcha de peche de campaña a prol do seu rexeitamento no referendo do vindeiro domingo. Os manifestantes escolleron como escenario o feudo de Chávez, a rúa na que se celebraron as meirandes marchas de apoio ó seu Goberno.
E apenas unhas horas antes, a prensa española e colombiana coñecía o alcance das palabras de Hugo Chávez cando falaba de "conxelar as relacións" con España e Colombia. O presidente de Venezuela prohibiu a saída do seu país de calquera imaxe ou información enviada por xornalistas destes dous países. Pretendía evitar a transcendencia dun acto na súa contra.
Un 'non' masivo
Así, a ampla avenida Bolívar, de oito carrís, encheuse de manifestantes dende primeiras horas da tarde. Aínda que á tarima se subiron os líderes da oposición, a punta da lanza da masiva concorrencia foron os estudantes. Estas mobilizacións estudiantís emerxeron en Venezuela o pasado mes de marzo, logo da retirada da concesión a Radio Caracas Televisión, a canle privada máis vella do país.
Nos discursos pronunciados ante os manifestantes, os líderes da oposición resaltaron a opinión maioritaria que no país hai ó rexeitamento dun proxecto que, ó seu xuízo, pretende a instauración "dun réxime de socialismo autoritario". Aseguraron que entre os partidarios de Hugo Chávez hai tamén un sector que se opón ás modificacións constitucionais.
Polémica reforma
Nesta liña, uns 16 millóns de venezolanos estaban convocados para pronunciarse sobre a proposta de reforma, que entre os seus puntos máis polémicos inclúe a posibilidade de reelección presidencial por un número indefinido de periodos. E busca ademais a eliminación da autonomía do Banco Central e a redución da xornada laboral de oito a seis horas.
Os críticos co réxime de Chávez entenden que o mandatario busca concentrar máis poder nas súas mans. O presidente venezolano deféndese, e sostén que as modificacións son vitais para consolidar a súa revolución socialista e darlle máis poder ó pobo.
E á marxe destes cruces de palabras, a campaña segue. Hoxe tócalle o turno ó bloque do "si", simpatizantes do Goberno que participarán nunha concentración que contará coa presencia do propio Chavez.
Relacións conxeladas e veto á prensa
En plena etapa electoral, o pasado mércores Chávez anunciou a rotura das relacións cos gobernos de España e de Colombia. As tensións con España naceron no Cumio Iberoamericano, cando o rei mandou calar ó mandatario venezolano. Este decidiu conxelar as relacións co país ata que non reciba unha desculpa.
A crise con Colombia agravouse a semana pasada, a raíz da saída de Hugo Chávez da mediación que viña exercendo entre o Goberno e as FARC, na procura dun intercambio de guerrilleiros presos por secuestrados en poder dos rebeldes.
Finalmente, entre os xornalistas vetados en Venezuela están os americanos, en concreto a canle de televisión CNN. Hugo Chávez manifestou recentemente o seu descontento coa presencia da prensa estadounidense no seu país, e acusou ós traballadores da devandita cadea de estar argallando "un plan" para asasinalo.
Betancourt, viva?
Trala rotura do diálogo coa guerrilla, o Goberno colombiano vén de anunciar o descubrimento de probas de que a ex candidata presidencial Ingrid Betancourt segue con vida. Trátase de cinco videos confiscados a tres rebeldes das FARC capturados polo exército, no que Betancourt aparece xunto con tres cidadáns estadounidenses e varios militares secuestrados.
Entre o material incautado atópanse ademais sete cartas e unha memoria dixital da que non se especificou o contido. As misivas estaban escritas polos secuestrados e polos propios guerrilleiros, e entre esta últimas había unha dirixida a Hugo Chávez.
O presidente venezolano aseguraba hai unhas semanas que a ex candidata á presidencia colombiana seguía con vida, aínda que a única proba na que se apoiaba era unha carta de compromiso remitida polo comandante das FARC.
30/11/2007