J.M. AGN.
Un grupo de teatro formado por reclusos da prisión ourensana de Pereiro de Aguiar mostraralles desde hoxe aos escolares os perigos das drogas. Baixo o título Teatro Social, desenvólvese esta actividade realizada polos propios reclusos e coordinada pola entidade sen ánimo de lucro CIMO.
A obra de teatro Sempre hai alternativas representase por primeira vez hoxe ás 12.30 horas no salón de actos do Instituto Blanco Amor. Aborda o mundo das drogas en forma de metáfora co propósito de facer reflexionar e sensibilizar aos mozo de entre 14 e 18 anos, un colectivo de alto risco.
Posteriormente, o Teatro Social tratará outras temáticas sociais. A Subdirectora de Acción Social de CIMO, Raquel Crespo, asegurou que este proxecto nace do director do centro penitenciario, Manuel Arias, e CIMO que leva moitos anos colaborando co centro penitenciario aceptou este reto.
Crespo manifestou que esta iniciativa é "moi enriquecedora tanto para os internos que participarán como para o público, e por iso embarcámosnos nela"..
O consello dos afectados
Nese sentido, cre que é "moi especial" que sexan persoas que por culpa das drogas están en prisión quen lles vaian a dicir a eles que este camiño é un erro e hai alternativas.
Raquel Crespo afirmou que o mérito é dos propios internos porque deseñaron e escribiron os seus diálogos mediante dinámicas de grupo xa que "é moi importante que haxa un traballo intelectual entre todos".
30/11/2007