Xeracion.
O Salón do Tebeo de Madrid, Expocómic, comeza hoxe a súa décima edición con 56 autores convidados e preto de 40 expositores de tendas e editoriais instalados durante catro días no Pavillón de Convencións do Recinto Ferial da Casa do Campo.
O protagonismo este ano parece estar nos Estados Unidos, tanto pola nómina de autores asistentes -moitos deles españois que traballan ao outro lado do Atlántico- como pola exposición Bienvenido Mr. Marshall, un percorrido polas publicacións que antes da Guerra Civil deron primeira acollida aos títulos americanos en España.
Entre os debuxantes destaca a presenza do gaditano Carlos Pacheco, ilustrador na actualidade da serie regular de Superman na editorial DC Comics, o mexicano Humberto Ramos (X-Men), Ramón F. Bachs (Generation-M) e o británico Mark Buckingham, que leva cinco anos publicando a serie Fábulas co guionista Bill Willinghman e que amosa o seu traballo nunha das exposicións do salón.
Martín Saurí e o debuxante pontevedrés Tirso Cons completan as mostras que acolle o Pavillón de Expocomic. Tirso Cons leva anos afincado en Madrid e publica principalmente en Francia. Entres as súas obras máis recentes figura o último tomo da serie Marshall, con guión de Denis-Pierre Filippie e Le Manoir des Musmures (A mansión dos murmuios) con Montes e Muñoz.
40 stands en 3000 metros cadrados
As actividades que se desenvolverán durante os catro días que permanecerá aberto o salón inclúen as tradicionais sesións de firmas dos autores convidados, obradoiros de debuxo, unha mesa redonda sobre Maus (único cómic gañador dun Premio Pulitzer) e por suposto o apartado de vendas, onde as editorias aproveitan para presentar en exclusiva as súas novidades para o mes de decembro. O clásico de ciencia-ficción El Eternauta, de Héctor G. Oesterheld e Francisco Solano López, o volume 36-39 Malos tiempos de Carlos Giménez, ou a reedición do primeiro arco argumental de Fábulas son alguns dos lanzamentos anunciados.
As tendas tamén pretenden incrementar momentaneamente as súas vendas nos stands, e os coleccionistas buscan orixinais ou publicacións descatalogadas polas que poden chegar a pagar desde os 50 euros que marca unha lámina de Buckingham ata os 400 que se pedían polo tebeo propagandístico do ano 1038 editado polo réxime franquista Flechas y Rayos (cun prezo de portada de 25 pesetas na época).
Igualarse con Barcelona
Aínda que o salón de cómic máis importante de España, tanto por número de autores e editoriais como pola participación de público, é o de Barcelona, Madrid pretende converterse na segunda cita obrigada para os afeccionados á banda deseñada en España e se cadra competir incluso coa cidade condal, que alberga o maior número de tendas e gran parte da industria editorial de cómic do país.
Expocomic conta coa vantaxe sobre outros salóns como o de Granada ou mesmo Viñetas desde o Atlántico, na Coruña, de estar mellor situado no mapa, pero os organizadores cren que lles falta apoio institucional. Nin a Comunidade de Madrid nin o concello achegan financiamento algún para a celebración deste evento, que si conta co apoio do Ministerio de Cultura. Na pasada edición o Salón do Tebeo de Madrid acolleu a unhas 23.000 persoas e a organización agarda ter unha afluencia este ano.
29/11/2007