A. Espiño. AGN (Pontevedra).
O Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, asegurou hoxe durante unha visita oficial a Pontevedra, que "antes de concluír este ano" celebrarase un novo encontro da Xunta de Galicia e a empresa pasteira ENCE, da cal podería saír o nome do municipio galego ao que se trasladará unha vez abandone a súa actual localización en Lourizán (Pontevedra).
O responsable autonómico de Medio Ambiente desvelou que as negociacións con ENCE rexistraron "un importante avance desde que directivos da fábrica están a contribuír para adiantar o máximo posible o seu traslado da Ría de Pontevedra", aínda que non quixo dar prazos para que este traslado sexa unha realidade.
''A empresa asume o traslado''
"Hai un salto cualitativo e moi importante porque a empresa asume xa a busca dun acordo nesa dirección, polo que tanto a empresa como o Goberno Galego está a traballar para pechar un acordo que fixe datas de adianto", afirmou o conselleiro.
Tras sinalar que "todo o que sexa gañar tempo é bo para todos", Manuel Vázquez reiterou con contundencia que "o Goberno galego non vai autorizar ningún tipo de prórroga. Reiterou que existe un compromiso firme de BNG e PSOE, expresado claramente no acordo de Goberno, para que "de ningún xeito Ence siga aí logo de 2018".
O titular de Medio Ambiente realizou este anuncio durante a inauguración oficial da senda fluvial do Río dos Gafos en Pontevedra, unha actuación ambiental na que a Consellería investiu 900.000 euros e que serviu para recuperar o tramo do río que atravesa polo centro urbano da cidade e que se atopaba nun estado avanzado de precariedade.
29/11/2007