Datos de interés

  • Martes 13.05.2008

Dotado con máis de 90.000 euros

O poeta arxentino Juan Gelman galardoado co Premio Cervantes


Etiquetas: poesía, arte, literatura

Axencias/Xeración.

O premio Cervantes, o máis importante das letras hispanas, galardoou este ano ao poeta arxentino Juan Gelman (Bos Aires, 1930). Segundo o xurado, Gelman, de 77 anos, "soubo dar testemuña do seu tempo literario e histórico a través da súa poesía".

O fallo do galardón, dotado con 90.450 euros, foi feito público esta tarde polo ministro de Cultura, César Antonio Molina, tras reunirse co xurado, que estivo presidido polo director da Real Academia Española, Víctor García de la Concha.

Poesía comprometida
Poeta, xornalista e tradutor, Gelman combinou a mestría nas letras coa súa actitude cívica e constante denuncia das violacións dos dereitos humanos. Está considerado o poeta arxentino de maior prestixio e o máis premiado da súa xeración, a dos anos 60-70. Conta no seu haber con galardóns como o Nacional de Poesía arxentino, o de Literatura Latinoamericana e do Caribe Juan Rulfo, o Iberoamericano de Poesía Pablo Neruda e o Reina Sofía de Poesía Iberoamericana.

O amor, a memoria, a dor e a morte impregnan a poesía de Gelman, moi marcada por unha vida condicionada pola súa militancia política e polas consecuencias que a ditadura arxentina tivo para el e a súa familia. Gelman viuse obrigado a exiliarse en 1975, primeiro a Italia, logo a Francia e máis tarde a México.

O 24 de agosto de 1976, o seu fillo Marcelo e a súa nora -a española Claudia García- foron secuestrados por militares arxentinos cando ela estaba embarazada de sete meses. O seu fillo foi torturado e asasinado polos militares, e tras 23 anos de intensa procura Gelman atopou á súa neta en Uruguai, onde fora criada pola familia dun policía uruguaio. A súa nora figura nesa longa lista de 30.000 desaparecidos arxentinos, e o seu caso é investigado pola Xustiza uruguaia.

No exilio
Gelman, que na actualidade reside en México, desenvolveu desde o exilio un labor internacional de denuncia das violacións aos dereitos humanos cometidas polo réxime militar arxentino. "O espírito dun país que esquece a súa verdade non pode agrandar os seus horizontes", dixo o poeta cando recibiu o Premio Reina Sofía en 2005. América Latina, engadiu, "sabe da morte temperá e inxusta causada polo terrorismo de Estado", que produciu decenas de miles de mortos e desaparecidos en países como Arxentina, Chile, Uruguai, O Salvador e Guatemala.

"Con todo, a poesía segue viva, é un tirar contra a morte", deixou claro naquela ocasión Juan Gelman, cuxa primeira obra de poesía foi "Violín y otras cuestiones" (1956).

A última etapa da súa obra poética reflexa a dor polos seus amigos desaparecidos, a terra afastada e o desarraigamento do exilio. Desta época son: "Anunciaciones" (1988), "Salarios del impío" (1984-1992), ou "La abierta oscuridad" (1993). Máis tarde publicou outros títulos como "En el hoy y mañana y ayer" (2000), ou "País que fue, será" (2004).

29/11/2007

4'8 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Juan Gelman (Foto: Wikimedia Commons)
Juan Gelman (Foto: Wikimedia Commons)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso