Datos de interés

  • Sábado 17.05.2008

O PP critica que o BNG só conseguiu una foto ''moi cara''

Touriño di que o acordo Quintana-Zapatero é un avance nun proceso ''xa previsto''


Etiquetas: BNG, PP, Touriño, Jorquera, congreso

Xeración / AGN.

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño considera que o traspaso de competencias pactado entre o BNG e o Goberno central "forman parte do previsto na folla de ruta" establecida polo Executivo galego. "Non hai nada novo baixo o sol" máis aló de que se avanza neste proceso, declarou hoxe tras a reunión do Consello da Xunta.

A pesar de todos, Touriño valorou hoxe de forma "positiva" a axilización do traspaso de competencias e o "sacrificio" realizado na votación no Congreso en apoio do Goberno de Zapatero e contra a moción de censura á ministra de Fomento, Magdalena Álvarez.

A estratexia para a transferencia de competencias xa foi establecida polo Consello da Xunta, e polo tanto, "marcada polo Goberno e o seu presidente", polo que restou significado á próxima reunión do vicepresidente do Goberno galego, Anxo Quintana, con Zapatero. A negociación a primeiro nivel "xa está feita", declarou, e agora lle corresponde a Quintana tratar o traspaso de forma "bilateral".

Non opina o mesmo o coordinador da executiva do BNG, que considera que grazas ao seu partido houbo unha "corrección de posicións" no Goberno central, que ata agora mantiña o bloqueo e a oposición á transferencia de competencias a Galicia.

Os nacionalistas trocaron o seu apoio á ministra de Fomento polo traspaso antes de que remate a lexislatura de seis competencias a Galicia, incluíndo a materia de tráfico e seguridade vial a través da elaboración dunha proposición de lei no Parlamento galego. Ademais, a comunidade recibirá en xaneiro 51 millóns en concepto da "débeda histórica en servizos sociais" xunto coa concesión do número 065 para a atención a persoas con dependencia.

Novas críticas desde o Partido Popular
Mentres os nacionalistas, en declaracións do seu coordinador executivo, Francisco Jorquera, volveron manifestar o seu convencemento de que o acordo coa Executiva central "beneficia notoriamente ao noso país", o líder do Partido Popular, Mariano Rajoy considera que o único que conseguiron no BNG é "unha foto moi cara" da reunión que manterán co presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero.

O presidente do PP ironizou dicindo que o apoio dos nacionalistas á titular de Fomento é mostra "dun amor a Galicia e dun galeguismo insuperable". Preguntado acerca de se ten intención de presentar a reprobación de Magdalena Álvarez ante o Senado, Rajoy comentou: "non se me ocorrera pero non é mala idea. Estudarémolo".

Unha ministra que xera opinións encontradas
Francisco Jorquera defendeu a decisión do BNG no Congreso argumentando que a moción respondía a intereses de Cataluña e a intereses electorais do PP, que votou xunto con Esquerra Republicana de Catalunya aplicando a súa "política de todo vale". Fronte a isto, a actuación dos nacionalistas foi na súa opinión un "exercicio de pedagoxía política", xa que votaron "tras xulgar políticas" á marxe de que a ministra de Fomento "teña trazos persoais que a nós mesmos non nos agradan", matizou.

Pola súa parte, Mariano Rajoy declarou tras a reunión mantida hoxe en Ourense con empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas que "non pode ser ministra" unha persoa que "maltratou e deu un trato indigno" á xente de Cataluña e instou aos nacionalistas a explicar tamén "que beneficios trouxo esta ministra a Galicia".

A valoración da Ministra de Fomento e o xuízo do seu comportamento con Galicia tiveron unha resposta esquiva por parte do presidente da Xunta. Touriño evitou pronunciarse directamente sobre Magdalena Álvarez afirmando que "hai que distinguir entre caracteres, modos e maneiras" e desviando as súas consideracións cara as accións dun Goberno (o do Partido Socialista) "comprometido" con Galicia, do que a titular de Fomento é "unha disciplinada compoñente".

29/11/2007

4'2 (6 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

O presidente da Xunta en rolda de prensa tras o Consello da Xunta (Foto: Otto. AGN)
O presidente da Xunta en rolda de prensa tras o Consello da Xunta (Foto: Otto. AGN)
Francisco Jorquera defendeu hoxe a posición do BNG no Congreso (Foto: Pepe Ferrín. AGN)
Francisco Jorquera defendeu hoxe a posición do BNG no Congreso (Foto: Pepe Ferrín. AGN)

Buscar máis información sobre







Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso