Xeración (Santiago).
O alcalde da localidade murciana de Totana, o popular José Martínez Andreo, foi detido pola Garda Civil pola súa presunta implicación nos delitos urbanísticos que se investigan na denominada 'Operación Totem'. Canda el arrestaron tamén ó actual xefe da Policía Local e á secretaria do Concello.
Ademais dos rexistros efectuados no consistorio, efectivos policiais están a investigar as dependencias da sociedade municipal de Solo Industrial e Vivenda de Totana (Proinvitosa), ubicadas nun polígono industrial ás aforas da localidade.
Dous galegos entre os presos
Estas tres detencións prodúcense tres días despois do arresto de seis persoas en Galicia, Madrid e Murcia, nunha operación contra unha presunta trama de corrución relacionada co pago de comisións para recualificar máis de 2,2 millóns de metros cadrados de solo rústico.
Unha empresa afincada no municipio pontevedrés de Nigrán planificara a construción dunhas 5.000 vivendas neses terreos. O seu director e un dos seus axudantes foron detidos o luns.
Asi mesmo, en Totana prenderon ó dono dunha empresa de produtos agrícolas con sede na localidade, acusado de actuar como intermediario entre a fábrica e as persoas que presuntamente recibiron subornos para recualificar os terreos.
A cifra de detidos complétase con outros dous arrestos en Murcia capital e un terceiro en Madrid. Segundo fontes policiais, está a ser investigado o anterior alcalde de Totana e hoxe parlamentario autonómico do Partido Popular, Juan Morales. A operación segue aberta, polo que non se descartan novas detencións nas vindeiras horas.
29/11/2007