Datos de interés

  • Domingo 12.10.2008

Antes de que remate a lexislatura

O BNG apoia a Zapatero a cambio de acelerar o traspaso de competencias


Etiquetas: Quintana, Núñez Feijoo, congreso, BNG

Xeración /Axencias (Santiago).

Os representantes do Bloque Nacionalista Galego votaron a última hora de onte en contra da reprobación á que foi sometida a Ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, pola súa xestión na crise do AVE en Cataluña. O cambio de actitude dos nacionalistas, que onte se decantaban pola abstención, veu dado pola promesa do Goberno central de acelerar a transferencia de competencias e o pago da débeda social con Galicia "antes de que remate a lexislatura", segundo anunciou hoxe o vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana.

A falta de tres meses para que se convoquen eleccións xerais, o líder do BNG considera que se abre unha nova etapa nas relacións entre o Goberno galego e o estatal. Quintana argumentou o seu apoio ao Executivo de Zapatero afirmando que aínda que detectou "moitos motivos" para reprobar á titular de Fomento, finalmente "prevaleceron os intereses de Galicia" na decisión do partido. Asemade, amosouse fachendoso de que a comunidade "poña e quite ministras" igual que antes o facían Cataluña e o País Vasco.

Na votación de onte no Congreso pediron a dimisión de Magdalena Álvarez todas as forzas parlamentarias agás o PSOE, o PNV, o BNG, a Chunta Aragonesista e dous deputados que non acataron a disciplina de partido. O resultado final favoreceu á ministra por tan só tres votos de diferencia.

Traspaso de competencias antes das eleccións
O vicepresidente da Xunta apuntou hoxe en declaracións aos medios de comunicación que ten previsto reunirse co presidente José Luis Rodríguez Zapatero antes do 15 de decembro para abordar o traspaso competencial, para o que se creará unha Comisión Bipartita de Cooperación e se seguirá o documento asinado en febreiro co ex ministro de Administracións Públicas Jordi Sevilla, no que se fixaron sete competencias que pasarían a mans do Goberno galego e das que ata agora tan so se fixo efectiva unha.

A outra reunión anunciada hoxe e prevista para o luns é a convocatoria de todos os voceiros dos grupos parlamentarios galegos para "definir" o proxecto de lei co que reclamar desde o Parlamento autonómico o paso das competencias de tráfico e seguridade vial para Galicia. Preguntado pola posibilidade de que o Executivo central rexeite o traspaso dalgunhas áreas como salvamento marítimo, incluída no paquete pero diante da cal o goberno se manifestou recentemente en contra, Quintana advertiu que "por cada materia que non se traspase o Estado terá que poñer outra enriba da mesa".

Acelerar o pago da débeda histórica
Zapatero tamén se comprometeu a axilizar o pago da débeda histórica con Galicia en materia de servizo sociais, polo que antes do 15 de xaneiro asinará un protocolo para o pago de 51 millóns de euros. Quintana destacou que estas partidas contribuirán a poñer en marcha "proxectos pioneiros" como teléfono social 065 e o transporte adaptado para aquelas persoas con problemas de mobilidade.

O voceiro nacional do Bloque incidiu en que o acordo demostra que a súa formación "decide" en Madrid e agarda ter máis influencia no Congreso tras as próximas eleccións xerais. Nas últimas semana, a dirección nacionalista insistiu en que a súa intención é participar na gobernabilidade do Estado na vindeira lexislatura.

O PP acusa aos nacionalistas de "votar contra Galicia"
As críticas á actitude do Bloque na votación no Congreso escoitáronse hoxe desde o PPdeG a través do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, que acusou ao BNG de "venderse por un prato de lentellas" e considerou que a decisión dos nacionalistas demostra que queren máis presenza en Madrid "para votar contra Galicia".

Núñez Feijóo atribúe aos nacionalistas galegos a "responsabilidade" de que a ministra de Fomento siga "formalmente" no cargo a pesar de que a totalidade dos grupos parlamentarios no Congreso (PP, IU-ICV, ERC, CIU e Coalición Canaria) "entenden, como todos os españois" que Magdalena Álvarez "non está á altura das circunstancias, nin por eficacia nin pola súa falta de respecto constante".

A titular de Fomento é para o líder do PPdeG "a ministra que máis desprezou aos galegos", e lamentou que catro anos despois do acceso do PSOE ao poder a comunidade "estea onde sempre". Asemade, aproveitou para sinalar que aínda que a Comisión Bipartita se reúna, as transferencias de competencias "non se van facer" xa que a lexislatura "está rematada". "Van catro anos perdidos e non me digan que cando faltan 20 días van facer as cousas que non se fixeron ata agora", engadiu.

Pola súa parte, Quintana defendeuse das acusacións do PPdeG dicindo que o debate do Congreso era sobre unha situación en Cataluña e que a misión dos deputados da súa organización é "centrar o debate en Galicia". O potencial de decisión dos dous deputados do BNG no Congreso non foi empregado en función de "interese partidarios", asegurou, senón "para que Galicia saia gañando". A reprobación á Ministra de Fomento non tería, neste sentido, "ningunha utilidade práctica".

28/11/2007

4'8 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Quintana xunto ao conselleiro de Presidencia, Méndez Romeu hoxe en el Parlamento (Foto: Pepe Ferrín. AGN)
Quintana xunto ao conselleiro de Presidencia, hoxe no Parlamento (Foto: Pepe Ferrín. AGN)
O líder do PPdeG, Núñez Feijóo criticou a decisión dos nacionalistas. (Foto: Pepe Ferrín. AGN)
O líder do PPdeG, Núñez Feijóo criticou a decisión dos nacionalistas. (Foto: Pepe Ferrín. AGN)

Buscar máis información sobre






Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso