Xeración/Axencias (Santiago).
Vestido de uniforme e co bastón de mando debaixo do brazo esquerdo. Así se persoou o presidente de Pakistán, Pervez Musharraf, na cerimonia de traspaso do seu cargo á fronte do exército do país.
O gobernante, que mañá deberá xurar como presidente civil, renunciou á xefatura militar tras o aumento das presións nacionais e internacionais para que abandonase as forzas armadas.
Así as cousas, Musharraf entregou o bastón de mando ó xeneral Ashfaq Pervez Kiyani e, acto seguido, entoou unha emotiva despedida. O presidente paquistaní dixo sentirse orgulloso de ter dirixido "esta gran forza". "Este exército é a miña vida -continuou- ámoo, e a miña relación con el continuará aínda que xa non leve uniforme".
No seu discurso, Musharraf definiu a Kiyani coma un "militar excelente", e mostrouse seguro de que realizará unha boa labor á fronte das forzas armadas. O novo comandante está considerado coma un dos homes máis leais ó réxime actual de Paquistán.
'Un bo líder'
Nomeado subxefe do exército no pasado mes de outubro, Kiyani foi ata entón director dos servizos secretos ISI. A súa escolla como responsable militar tivo unha boa acollida entre os líderes da oposición. Benazir Bhutto, ex primeira ministra paquistaní, amosou a súa confianza de que "será un bo líder" para o exército.
Mentres tanto, en Paquistán continúa vixente o estado de excepción decretado por Musharraf o pasado 3 de novembro, cando o presidente suspendeu a constitución alegando o incremento da violencia extremista no país e as interferenzas que se producían na vida política por parte da Xustiza.
Despois de nove anos á fronte do exército, Musharraf colga o uniforme para xurar, mañá, un novo mandato presidencial, desta volta como civil.
28/11/2007