Xeracion.
A Inspección de Traballo decidiu paralizar as obras do Porto Exterior da Coruña, por considerar que existe un alto risco de accidentes laborais, como o que causou a morte de José Ramón Fernández Mata, veciño de Oleiros de 43 anos, que onte pola tarde, ás 19:.15 horas caeu nunha fenda de dez metros mentres conducía un camión. É o cuarto traballador que morre nas obras do porto exterior da Coruña dende que comezaron, hai dous anos.
Traballo considera, tras realizar indagacións, que existe una "deficiente organización do procedemento do traballo, que dá lugar a manobras perigosas". Na área de paso dos vehículos, onde tivo lugar o accidente de Fernández Mata, acumúlase "material de acopio procedente de voladuras" que estorba o paso. Ademais, a xornada de traballo dos obreiros é de 9:00 a 19:30, con hora e media para comer, pero xa á tardiña constatouse a "falta de iluminación natural ou artificial" agás a dos faros dos camións.
A Inspección reclama, polo tanto, que a empresa que realiza as obras, UTE Langosteira, presente un plan de traballo adecuado. Ata entón, a construción queda paralizada.
A Autoridade Portuaria
A Autoridade Portuaria (AP) asegurou que a fenda está perfectamente sinalizada, pero os representantes dos traballadores sosteñen que falta iluminación na zona. Para aclarar as circunstancias da morte e determinar as medidas a adoptar, a AP e os sindicatos manterán hoxe unha reunión.
A CIG e o Comité de Empresa esixen que se paralicen as obras ata que se poida garantir que non volverán ocorrer incidentes coma este. Presentarán as súas demandas na reunión coa Autoridade Portuaria.
Fernández Mata era traballador da empresa PEAL, subcontratada pola Unión Temporal de Empresas (UTE) encargada de construír o porto exterior, e da que forman parte Dragados, Drace, Copasa e Sato.
28/11/2007