Nair Mesejo. AGN (Santiago).
O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, destacou hoxe os efectos "enormemente regresivos" que a proposta de reforma da Política Agraria Común (PAC) presentada pola Comisión Europea tería sobre "as persoas e o territorio", en referencia ás explotacións agrarias e ao conxunto da comunidade galega. "O documento non é satisfactorio e debe ser corrixido", ao manter que non modifica os eixos principais da PAC nin da reforma posterior do ano 2003.
Durante a súa intervención no Pleno do Parlamento Autonómico, reiterou o rexeitamento do Goberno galego ao borrador da Comunidade Europea e expresou a súa confianza en que o Executivo central fixe o seu posicionamento con respecto ao "chequeo médico" da PAC nesta mesma liña.
Suárez Canal critica, en primeiro lugar, o transvase das axudas e fondos orixinalmente destinados ao sector primario á potenciación de actuacións en materias de desenvolvemento rural. "A Unión Europea capta as axudas dos axentes sociais do sector agro-gandeiro para investilas en desenvolvemento rural", asegurou. A concepción de ámbalas dúas políticas non permite, ao seu xuízo, que sexan complementarias, senón que pola contra deben competir aos estados polos fondos contidos nelas. Suárez Canal lamentou que a Comisión Europea non integre a actividade agraria como elemento substancial do desenvolvemento rural.
Ademais, o conselleiro considera que a eliminación das subvencións directas que a UE concede aos produtores para primar a súa actividade, provocará unha desprofesionalización do sector e "comportamentos rentistas”, é dicir, que esas axudas poden acabar en mans de persoas alleas ao sector primario que busquen obter ganancias con esas achegas.
“Isto xa o sinalou o Tribunal de Contas da UE no seu informe de 2006, onde aparecen no listado dos produtores europeos empresas ferroviarias, por exemplo”, advertiu Suárez Canal. O titular de Medio Rural cre tamén que esta actuación pode repercutir sobre a cohesión territorial dun país, isto é, xerar un abandono de terras nunha determinada rexión, así como unha excesiva concentración noutra, simplemente polo maior importe das axudas que reciban.
“As axudas deben desvincularse do volume de produción pero non da actividade dos propietarios”, sostén, convencido de que só así se garantirá unha certa estabilidade a un sector caracterizado polas frecuentes oscilacións de conxuntura. No ámbito das subvencións, a súa terceira matización céntrase na necesidade de que a UE fixe unha limitación, tanto das contías máximas como das mínimas. Dado que será cada Estado o que poida determinar a achega aos seus produtores, considera que sen un tope seguirán sosténdose as desigualdades entre os países membros máis ricos e os máis pobres.
Explotacións e produtores
O titular de Medio Rural reiterou que se ben o actual modelo da PAC precisa dunha reforma esta ten que ser "en profundidade, sen elementos regresivos social e territorialmente". A defensa do Goberno galego, segundo manifestou, centrarase en apoiar as melloras na renda dos produtores.
E, ¿como?, “a través dunha axuda única na UE por unidade de traballo”, propón. Deste xeito primaríase o labor do agricultor ou gandeiro fronte ao da súa granxa, creando unha serie de modulacións, primas ou "premios" en función do tamaño da explotación, as características da zona e a prácticas dunha actividade con criterios de sostibilidade. "Así aumentarían as explotacións con vinculación e interese social e territorial".
Cotas lácteas
Suárez Canal centrou parte da súa intervención en defender a necesidade de contar con mecanismos para de intervención no mercado e en concreto no sector lácteo. Defende unha redistribución "non lineal" dos dereitos de produción e un sistema distinto ao das cotas actuais, pese a rexeitar a súa eliminación, prevista no 2015.
O conselleiro cre que lo máis xusto é que se incremente o cupo produtivo aos países deficitarios, como España, e non vería lóxico que ata o fin das cotas se apostase por un reparto equitativo, que faría máis excedentarios a uns países e máis deficitarios a outros. Sen corresponderse, como matizou, a produción rexistrada, dado que algúns estados non cubriron a cota da que dispoñen.
O titular de Medio Rural advertiu dunha “difícil situación” para as explotacións galegas nun futuro escenario sen cotas lácteas, ao considerar que se atoparían cunha desvantaxe competitiva e padecerían unha redución dos prezos do leite. "A dimensión media galega é moi inferior á UE", lembrou. O factor máis positivo é, para o conselleiro, que o sector lácteo de Galicia "ten unha vitalidade que vai resistir en calquera escenario que se poida producir en 2015".
Reaccións no parlamento
O voceiro do PPdeG, Roberto Castro, atribuíu a actual situación a unha "nefasta xestión" da ministra de Agricultura, Elena Espinosa, "tan despistada ao final da lexislatura que esmorece como o estaba ao principio". Asegurou tamén que os ourensáns poderán resarcirse da súa actuación ao fronte do ministerio nas urnas.
Ao responsable de Medio Rural recriminoulle a transformación do seu departamento de "tigres feros a gatiños domesticados" e acusou a Suárez Canal de non ter achegado "o máis mínimo avance en política agraria", unha lectura que lle permitiu comparar os gobernos galegos e estatal pola correspondente “perda de catro anos” en ámbolos dous casos.
Tanto o conselleiro como a deputada socialista, Marisol Soneira, botáronlle en cara ao PPdeG o seu silencio en 2003, cando no Cumio de Berlín se decidiu a reforma da PAC e se aceptou a distribución de recursos dos estados membros. Pola súa parte, a voceira do PSdeG defendeu a busca dos mecanismos e apoios para que "este abandono sexa o menos traumático posible". Soneira lembrou que no seu día a súa formación apostou polo modelo de cotas e advertiu que sempre foron conscientes de que era un sistema provisional.
27/11/2007