Navia Franco.
Os socialistas pisaron a alfombra e a moqueta vermellas no acto de proclamación de José Luis Rodríguez Zapatero como candidato nas vindeiras eleccións xerais. Encarnada tamén era a gravata que luciu o actual presidente, aínda que cruzada de raias doutra cor, e ata vermella parecía a “mirada positiva” que, a xeito de slogan, presidiu o pasado domingo o acto de enxalzamento.
As campañas políticas dirímense na televisión desde hai ben tempo pero agora tamén en Internet e no adro Youtube. Claro que os especialistas en marketing político que asesoran a Zapatero son conscientes de que hai outro espazo relevante na liorta electoral: o corazón dos votantes.
Coñecedora disto, Sonsoles, a esposa do presidente, subiu ao estrado roxo o pasado domingo, era a súa primeira vez política. Vestía tamén de vermello cun complicado conxunto casual que adornaba cun colgante, puidera ser da autoría de Felipe González, agora ourive.
A parella que forman Sonsoles e Zapatero dá ben na pantalla pequena do ordenador e na máis grande do televisor. Parece ser que os asesores do presidente entenden que necesitamos ver a este matrimonio apertado, inexplicablemente collidos da man nunha visita oficial ou pegados coma caramelos derretidos nun acto do partido. Seica esas mostras de cariño rouban o corazón dos electores e orientan o seu voto.
Casualidades da vida, recentemente os ruxerruxes falaron da futura separación de Aznar e Ana Botella, unha parella esteticamente menos televisiva. Aínda que desmentiron a ruptura nun comunicado de prensa, aí quedou o rumor.
Persoalmente, non me gusta este novo papel de Sonsoles. Agardo que non siga claudicando. Só faltaría que un día a parella presidencial decida posar coas súas nenas, cuxos rostros tan escrupulosamente agocharon ata o momento. Claro que, de aquí ás eleccións, non haberá máis remedio que actuar segundo o ritmo que impoñan as enquisas, ¿non si, Sonsoles?
28/11/2007