Datos de interés

  • Domingo 12.10.2008

Paliar o aumento de casos pendentes

Galicia terá en 2008 sete novas unidades xudiciais repartidas nas catro provincias


Etiquetas: Xustiza

Mónica Sequeiro. AGN.

Galicia contará en 2008 con sete novas unidades xudiciais repartidas nas catro provincias galegas, segundo anunciou o conselleiro de Presidencia, José Luís Méndez Romeu. Así, haberá catro xulgados de primeira instancia nas cidades da Coruña, Pontevedra, Santiago e Ourense.

Ademais crearase un xulgado mixto na Estrada, e dous maxistrados do contencioso-administrativo, un para a Audiencia Provincial de Lugo e outro para o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Deste xeito, as provincias da Coruña e Pontevedra disporán de dúas novas unidades cada unha, outra para Lugo e unha en Ourense, á parte da central do TSXG.

Aumento orzamentario
Méndez Romeu compareceu no pleno do Parlamento para explicar as medidas da Administración de xustiza de Galicia e destacou que o Goberno bipartito incrementará o orzamento ata 2008 un 40% con respecto aos tres anos do Goberno do PPdeG.

Tamén sinalou que durante a última lexislatura do Executivo de José María Aznar creáronse en Galicia 14 unidades xudiciais, mentres na presente lexislatura crearanse 33, o que supón "o dobre que durante o último Goberno do PP".

A pesar deste incremento Méndez Romeu recoñeceu que "non se esgotan as demandas nin as expectativas da comunidade autónoma", xa que Galicia continúa "nunha situación moi insatisfactoria", sobre todo pola falta de competencias para a ampliación da planta xudicial.

En Galicia existen actualmente 40 partidos xudiciais, con 314 xoves e 127 fiscais, nos que 3.000 persoas traballan cunha responsabilidade directa na Administración de xustiza.

Dentro dunha semana, a Consellería de Presidencia presentará a todos os axentes xudiciais un "inventario das necesidades existentes", avanzou Méndez Romeu, de cara non só a acordar a creación de unidades xudiciais, senón "ordenar as prioridades de investimentos dous próximos anos".

''Insuficientes''
O deputado do PPDEG Xesús Palmou, ex conselleiro de Xustiza, considera que as sete unidades xudiciais anunciadas polo titular de Presidencia "non fan fronte ás necesidades" que ten a comunidade e advertiu de que imos "cara ao caos" nos xulgados "se non lle poñemos pronto remedio".

Neste sentido, sinalou de que en 2006 incrementouse a pendencia de casos nun 12%, con 138.000 asuntos pendentes, mentres que este ano, a previsión é que aumente un 15% máis. Palmou instou ao Goberno bipartito a volver crear unha Consellería de Xustiza "e terán aberta a man do PP para incrementar as competencias e as unidades xudiciais en Galicia" porque considera que ao conselleiro "o ningunean dende Madrid".

Imelga
O conselleiro de Presidencia tamén anunciou hoxe que se modificará o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), que "o anterior Goberno deixou creado e nós respectamos" á hora de polo en marcha. Engadiu que espera que cando se presente no Parlamento o proxecto de lei de reforma, ao que non puxo data, "podamos contar coa colaboración" do PP, dado "o seu interese" neste organismo, sobre o que presentaron numerosas iniciativas parlamentarias.

Actualmente, os servizos forenses do Imelga atópanse centralizados nas sete grandes cidades de Galicia, aínda que desde o pasado mes de setembro descentralizáronse parte das autopsias da provincia de Lugo ao Hospital da Costa, en Burela, tras varias peticións neste sentido.

27/11/2007

4'6 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Buscar máis información sobre



Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso