Axencias.
O Obradoiro terá praza a próxima tempada na liga ACB, por sentenza xudicial. O Tribunal Supremo obriga á liga de baloncesto a readmitir na competición ao equipo compostelán logo de 17 anos de reclamacións xurídicas.
O Obradoiro desputara a eliminatoria de ascenso na temporada 1989-1990 fronte ao Juver Murcia. A vitoria e a praza forna para os murciáns, pero o Obradoiro impugnou o partido por aliñación indebida. O Murcia aliñara no citado encontro como español ao xogador arxentino Esteban Pérez, que posteriormente sería condenado por falsificación de documentos, polo que excedía o número de xogadores estranxeiros permitidos na competición.
Tras esgotar todas as vías da xurisdición deportiva, o Obradoiro recorreu aos tribunais ordinarios, que nos seguintes doce anos logrou ata catro sentenzas favorables ás súas teses, ata que en febreiro de 2003 a Sala Novena do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid "esixiu" o retorno do equipo galego á ACB.
Diferenza de criterios
O ingreso non chegou a facerse efectivo, porque o Obradoiro esixía ser readmitido coas condicións vixentes na tempada 1990-91, mentres que a ACB estimou que os requisitos debían axustarse ao solicitado no curso 2003-04.
O club compostelán chegou a presentar ante a sede da ACB os avais necesarios para militar, sempre de acordo cos requisitos da tempada 1990-91, na máxima competición nacional. Pero o seu ingreso foi rexeitado porque esas condicións non se axustaban ao requerido para a temporada 03-04. Agora, tras un recurso do Obradoiro, o Supremo estima que o conxunto galego debe ser readmitido na máxima categoría do baloncesto español nas mesmas condicións esixidas na campaña 1990-91 e non nas fixadas para a tempada 2003-04.
''É factible xogar a próxima tempada na ACB''
"Estamos moi satisfeitos, porque logo de dezasete anos a xustiza deunos a razón", sinalou o presidente do conxunto compostelán, José Ángel Docobo. "Nestas condicións si é factible poder xogar a próxima tempada na ACB, xa que son unhas condicións favorables para poder solicitar os apoios correspondentes, porque a cifra se sitúa ao redor dos 630.000 euros e non nos case 3 millóns que nos esixían de acordo á campaña 2003-04", comentou o presidente do Obradoiro.
Docobo chegou a insinuar a posibilidade de fusionar o Obradorio co Beirasar Rosalía, conxunto compostelán que milita na LEB Ouro, para afrontar o soño da ACB, aínda que como matizou "iso é só unha posibilidade, que ademais tería que ser aprobada polos nosos socios en asemblea".
27/11/2007