Anxa Correa. AGN.
O actor José García e o realizador Jaime de Armiñán recibirán o xoves os Premios Chano Piñeiro nun acto que se celebrará ás 21 horas no Teatro Colón da Coruña, segundo anunciou o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado.
Ademais do nome dos gañadores desta segunda edición dos premios concedidos pola Xunta, Salgado presentou o libro Chano e os amigos, xunto ao coordinador do volume, Miguel Anxo Fernández, e a viúva do autor de Sempre Xonxa, Mariluz Montes.
Os Premios Chano Piñeiro teñen como obxectivo render unha "homenaxe permanente" anual a Chano Piñeiro, considerado o creador da primeira longametraxe galega e "símbolo iniciático dun sector que se desenvolve con celeridade". Ademais, pretende promover a proxección exterior de Galicia a través do cine, xa que segundo o secretario xeral "mal futuro ten o audiovisual con tendencias endogámicas".
''Embaixador do cine galego''
Así, o xurado do certame, formado por persoas de recoñecido prestixio no eido audiovisual, decidiron outorgar o premio a José García, quen expresou o seu desexo de converterse en "embaixador do cine galego en francia" e quen pon empeño en iniciar un programa de coprodución franco-galega. Segundo Salgado, esta figura do cine francés "xa conseguiu que realizadores franceses puxeran o punto de mira en Galicia".
García, que actuou en filmes como Gal, Usted primero, Arcadia, El séptimo día e Utopía, "é galego, pero naceu fóra por accidente", afirmou o responsable de Comunicación da Xunta. Con nai do Carballiño e pai de Lugo, o intérprete foi cualificado como "froito dos mellores valores da emigración, que superou dificultades e se fixeron vales, e fixeron valer tamén a Galicia".
No caso de De Armiñán, valorouse o feito de ser o realizador non galego que máis veces rodou en Galicia. Nalgunha ocasión afirmou que de 12 películas, 4 as gravara en terras galegas "porque é un país marabilloso". Títulos como Mi querida señorita, ¡Jo, papá!, Al servicio de la mujer española e La hora bruja fixeron de Galicia un plató de cine.
O xurado recoñeceu tamén a "dignificación de Galicia" nunha época na que as pantallas amosaban unha Galicia "máis cerca do tópico que da dignidade". Outro dos motivos esgrimidos é agradecer que prestara "ollos e cámaras" a Galicia e momentos "difíciles", "sen axudas públicas e superando as dificultades", chegando mesmo a "militar na propaganda aprol de Galicia".
Entrega de premios
Os dous galardoados recibirán o xoves unha estatuíña de Paco Leiro feita en Sargadelos, nun acto que será transmitido pola Televisión de Galicia. Os actores Xavier Veiga e María Vázquez, quen actuou de pequena na curta Esperanza de Chano Piñeiro, serán os encargados de conducir a gala, na que porán a nota musical Luar na Lubre e Cuchús Pimentel.
O acto contará coa presenza de representantes do mundo audiovisual que apoian o certame e os galardoados, como Amparo Baró ou Ana Belén, ben con presenza física ou a través de vídeo.
Premios institucionais
Os Premios Chano Piñeiro instauráronse o ano pasado co obxectivo de recoñecer o labor dos que puxeron "as súas cámaras na terra e nas xentes de Galicia" e incentivar "aos que non o fixeron ou aos que si o fixeron, para que insistan", indicou o secretario xeral de Comunicación.
Asemade, lembrou que os premiados do ano pasado, José Luis Cuerda e Alejandro Amenábar, continuaron a defender o cine galego: no caso do director de Los otros, "arroupou o cine galego no Festival de Málaga", e no de A lingua das bolboretas, "volveu rodar en Galicia Los girasoles ciegos".
27/11/2007