Datos de interés

  • Domingo 07.09.2008

Conferencia de Annapolis

As negociacións para a paz continuarán en decembro


Etiquetas: Israel, Palestina

Xeración /Axencias (Santiago).

A segunda xornada do Cumio de Annapolis (Maryland, EEUU), remata sen novidades máis aló da sorpresa que supuxo que os gobernantes de Palestina e Israel se comprometeran a manter negociacións habituais co fin de chegar a un acordo de paz antes de finais do 2008.

Estados Unidos exercerá de monitor nas xuntanzas entre palestinos e israelís que comezarán o día 12 de decembro en Jerusalén coa primeira reunión dos líderes de Israel, Ehud Olmert e de Palestina, Mahmud Abbas e proseguirán cada dúas semanas ata que se chegue a un acordo definitivo.

Bush asegurou que a solución ao conflito palestino-israelí require de "compromisos difíciles" por ámbalas duas partes, e incidiu na necesidade dun Estado palestino independente que axude a "desmantelar as estruturas terroristas". Neste sentido, asegurou que os Estados Unidos botará unha man aos palestinos na construción das súas institucións.

Esta conferencia non é unha conversa bilateral, senón dun cumio ao que asisten máis de 40 organizacións e países, entre eles, Arabia Saudita e Siria, dous estados que non recoñecen a Israel. A administración Bush confía en que a presenza destes representantes faga de Annapolis un éxito que abra o camiño para outras xuntanzas nas que se debata a creación dun estado palestino.

A postura dos países árabes
O viceministro de Asuntos Exteriores de Siria, Faisal Miqdad, explicou que a participación do seu país no cumio, que non se confirmou ata o último momento, responde á intención de dar un paso máis para a consecución dunha "paz xusta e global" en Oriente Próximo. Neste sentido, afirmou que a solución á crise que vive a rexión só pode chegar a través do cumprimento do principio de "paz por territorios" e o acatamento das resolucións 242 e 338 da ONU.

Outro dos motivos da participación siria na conferencia de Annapolis é intentar normalizar as súas relacións con Israel e conseguir recuperar os territorios ocupados por este país desde 1967, ano no que se anexionou Cisjordania, especialmente a zona dos Altos do Golán, na fronteira suroeste entre Siria e Israel.

Hamas e Irán en contra
Entre os países e organizacións que se opoñen ao discurso do Cumio de Annapolis destaca o rexeitamento por parte de Hamas, considerada por EEUU e a Unión Europea como unha organización terrorista e gobernadora social e militar de Gaza. Durante estes dous días producíronse nesta rexión manifestación civís en contra da conferencia de paz.

O voceiro de Hamas, Fawzi Barhoum, opúxose abertamente ao discurso pacifista do presidente palestino e subliñou que este non ten poder "para discutir, acordar ou borrar calquera palabra relativa aos nosos dereitos" e que acudiu á conferencia sen o apoio do pobo palestino. O presidente "está illado e represéntase só a si mesmo", afirmou.

Por outra parte, o presidente de Irán, Mahmud Ahmadineyad, calificou de "fracaso desde o principio" a conferencia, e asegurou que os países árabes que participaron quedarán desacreditados diante do seu pobo e"están equivocados se cren que este cumio levará algún logro para eles".

Tamén hai que ter en conta que os partidos máis radicais dentro de Israel opóñense a esta conferencia. O ex primeiro ministro e hoxe líder da oposición, Benjamin Netanyahu, declarou que Annapolis sería a continuación "dunha historia de cesións só polo lado israelí". Milleiros de israelís apoiaron esta opinión cunha manifestación de protesta fronte ao Muro das Lamentacións.

Ademais, a situación en Oriente Medio, coas situación de Iraq, as constantes ameazas a Irán e a falta dun acordo para escoller ao presidente do Líbano non é a máis adecuada para forxar un entendemento.

Olmert e Abbas agardan reunións futuras
O primeiro ministro de Israel e o presidente da Autoridade Nacional Palestina están moi interesados en sacar algo el limpo de Annapolis, para reforzar as súas febles posicións políticas.

Olmert declarou o seu desexo de que o "apoio internacional" a esta conferencia permita iniciar unha proceso "serio" de conversas de paz cos palestinos, pero dixo tamén que non haberá acordo ningún se non rematan os ataques a Israel dende Gaza. Abbas tamén agarda que esta xuntanza permita "expandir as negociacións cara os problemas permanentes" que nunca se trataron oficialmente en foros internacionais.

As cuestións máis delicadas que ámbolos dous gobernantes deberán afrontar foron xa enumeradas por Abbas: a retirada dos territorios ocupados, incluíndo Jerusalén Este, onde a Autoridade Palestina desexa establecer a capital do seu futuro estado. A situación dos refuxiados palestinos e paralización dos asentamentos xudeus son outros dos temas máis complexos a debatir.

28/11/2007

4'6 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Mahmud Abbas (Foto: BBSNews)
Mahmud Abbas (Foto: BBSNews)
Ehud Olmert (Foto: Wikimedia)
Ehud Olmert (Foto: Wikimedia)

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso