Xeracion.
Na segunda noite de disturbios nos arrabaldos de París alomenos 64 policías resultaron feridos, catro deles graves e un moi grave por un disparo nas costas. Segundo os datos oficiais, 63 coches foron incendiados e duas escolas, unha biblioteca, unhas oficinas de impostos e un supermercado foron saqueados e arrasados polo lume.
Os sucesos comezaron cara as oito da tarde de onte e prolongáronse ata a unha da madrugada en varias poboacións do departamento de Val d'Oise (Villiers-le-Bel, Sarcelles, Garges-les-Gonesse, Cergy, Ermont e Goussainville esencialmente), preto de onde comezaron antonte estes disturbios, pola morte de dous adolescentes, que chocaron coa súa moto contra un coche de policía.
Unha dobre investigación administrativa e xudicial está aberta para determinas as circunstancias do accidente de tráfico. Segundo os testemuños actuais, os dous falecidos, menores de idade, circulaban sen casco nunha moto de cross non homologada, que se incorporou a un cruce sen respectar a prioridade de paso á esquerda e chocou contra un coche de policía que tiña as luces apagadas e non perseguía a ninguén.
Múltiples chamamentos á calma
Un portavoz das familias dos adolescentes finados pediu publicamente que "se faga xustiza con calma e serenidade e que se respecten as leis da República". Os pais dos falecidos reclamaron tamén que se lembre aos seus fillos "sen violencia e sen altercados". Tamén Nicolás Sarkozy, que se atopa estes días nunha visita oficial en China fixo un chamamento á calma.
27/11/2007