Xeración (Santiago).
Os traballadores da mina de Serrabal e das factorías de Ferroatlántica en Sabón e Cee-Dumbría concentráronse dende as oito e media desta mañá ante a casa do Concello de Vedra. Unha vez máis, pretendían salvar a canteira.
E de momento conseguírono. Coa súa protesta impediron a sinatura das actas de expropiación dos terreos do xacemento precisos para a construción das vías do AVE que chegará a Santiago por parte dos representantes do Adif e de Ramsa, a empresa concesionaria da explotación.
Así, preto dun cento de concentrados apoiaron a concentración con camións da empresa para reventar un acto que estaba previsto para as dez desta mañá. Fixéronse oír e impediron a desaparición dunha mina que, segundo din, dá traballo a un importante número de empregados, tanto de xeito directo coma indirecto.
O presidente do Comité de Empresa da mina de Serrabal, Florentino Castro, denunciou esta mañá ante os micros da Radio Galega a pasividade coa que, ó seu xuízo, están a actuar tanto a Xunta coma o Goberno central. Fronte a esta falta de iniciativa, asegura que os traballadores botarán man de tódolos medios posibles para impedir a sinatura das actas.
"O que queremos é que nin por parte da empresa nin do Adif se asine ningún documento, e que se quiten da cabeza a idea de que a mina é de Villar Mir ou da Xunta: a mina é nosa", sentencia. E lembra que hai unha resolución e un estudo pendentes da súa conclusión e que, aínda sabendo da súa existencia, "xa están tratando de expropiar a mina".
Contra o AVE pola canteira
Os traballadores esixen un trazado do AVE Santiago-Ourense alternativo ó que defende o Ministerio de Fomento. Queren deste xeito lograr unha menor afectación da explotación, a mina de cuarzo máis importante de Europa. A concesión de explotación de Serrabal está en mans de Ramsa, propiedade de Ferroatlántica, en mans do empresario Juan Miguel Villar Mir.
Sindicatos e comité de empresa levan varios meses de mobilizacións contra o trazado do tren de alta velocidade pola mina, e en xuño e outubro xa protagonizaran peches de protesta no concello. Consideran que o paso do AVE pola canteira afectará a 1.700 dos 2.700 metros do filón principal de cuarzo da mina e levaría por diante moitos postos de traballo entre directos e indirectos.
Actualmente, da mina de Villar Mir dependen unhas 1.500 familias, se contamos tamén os traballadores das fábricas de silicio de Ferroatlántica en Cee, Arteixo e Dumbría.
Pola súa banda, tanto a Xunta como o Ministerio de Fomento defenden este trazado como definitivo e inamovible. Alegan que a afectación á mina será mínima e que modificalo implicaría un retraso inasumible nas obras do AVE, a gran promesa gubernamental en termos de infraestruturas.
27/11/2007