Datos de interés

  • Venres 25.07.2008

Sen teito


Etiquetas: pobreza, igualdade, discriminación, vivenda, Rosa Aneiros

Rosa Aneiros.

De súpeto, alí estaban. Eran un elemento estraño na paisaxe cotiá de Santiago, como un globo de cores inchado na metade dun cemiterio ou unha batedora depositada na bancada dunha igrexa. Vira ducias de veces eses mesmos cartóns no metro de Madrid, no Raval de Barcelona, no leito do Tíber en Roma, nas rúas de Belleville en París ou nos parques de Valencia. En cambio, facíanse extraordinariamente estraños na cidade en que vivo, como se a pobreza fose habitante exclusiva das grandes urbes. Nesa mirada chegou toda a globalización da marxinalidade de socato, como unha labazada cargada de ira e de datos.

O Día Internacional dos Sen Teito ofreceunos cifras terribles. Segundo o INE, en España máis de trinta mil persoas carecen de vivenda, un dereito fundamental establecido na Constitución. O novo perfil de persoas sen fogar avanza en mulleres, xente moza e inmigrantes. Malia isto, esta exclusión social ten aínda rostro masculino, un rostro degradado pola intemperie, os abusos co alcohol, a falta de alimentos ou a sucidade das rúas.

Os cartóns de Compostela son os mesmos que Daniela Cot, unha arxentina de quince anos, recollía coa súa familia antes de que un “cazatalentos” a convertese en modelo. Ela, desamparada e indefensa, transformouse en princesiña dun conto de fadas moderno grazas aos artífices do marketing. Pero é só un espellismo. Os sen teito sofren desprezo social, mágoa e rexeitamento. Decote pensamos neles como unha tribo estraña e allea a calquera de nós, e nada máis lonxe da realidade. Hoxe podemos telo todo e mañá durmir á intemperie por unha xogada do destino. Eses cartóns da rúa poderían ser a nosa cama e esta folla de xornal, a única arma para matar o frío inverno.

27/11/2007

0'0 (0 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Buscar máis información sobre







Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso