Xeración/AGN (Santiago).
Expulsados nada máis chegar. Nesta tesitura víronse envoltas as sete familias afectadas polo derribo das chabolas do Vao, que foran aloxadas nun camping de Portonovo. Vintecatro horas despois de asentarse, Camilo Besada, propietario das instalacións, decidiu botalos. Segundo dixo, os xitanos dábanlle "mala imaxe" ó seu establecemento.
Con este argumento, completado coas "críticas inxustificadas" que segundo Besada o camping recibiu por parte da prensa dende a chegada das familias, o hostaleiro púxose en contacto cos servizos sociais do Concello de Poio. Quería comunicarlle o seu rexeitamento a que os desahuciados continuasen pernoctando no local.
Besada sostén que a súa decisión foi persoal e que non responde a ningún tipo de presión. Sen embargo, os veciños de Sanxenxo sinálano coma o responsable directo do desembarco das familias xitanas no poboado do Vao. A alcaldesa do municipio, a popular Catalina González, enviou tamén un comunicado ó camping Baltar ante a "alarma social" que o seu xuízo xerou o realoxo.
Reproches
Nesta liña, a rexedora mostrouse sorprendida ante a idea de que un empresario local se prestase a alugar como vivenda unhs bungalows destinados ó uso turístico e que, polo tanto, non cumpren cos requisitos mínimos de habitabilidade. E deixou claro o seu descontento co equipo de goberno de Poio, en concreto co alcalde, xa que considera que actuou "de mala fe ó trasladar a Sanxenxo un problema do seu concello".
No medio dun cruce de acusacións entre os gobernos locais de Poio e Sanxenxo, os vintenove xitanos afectados volveron ó poboado para aloxarse nas chabolas doutros familiares e veciños, e botan man das fogueiras para facerlle fronte ás xeadas.
Lonxe de mostrarse preocupado, o alcalde de Poio asegura que a situación vivida podería facilitar as cousas. O rexedor di que o realoxo das familias dentro do propio poboado fora unha das hipóteses baralladas dende o concello.
Mobilizacións de 'Mans brancas'
A postura das institucións e a decisión de Camilo Besada foi cualificada de "terrorismo racista" por Sinaí Giménez. O presidente da Asociación do Pobo Xitano anunciou unha campaña de mobilizacións para denunciar a situación na que se atopan as familias desaloxadas do poboado, tras o derribo das súas vivendas en cumprimento dunha sentenza xudicial.
Coa campaña, bautizada coma Mans Brancas, o colectivo culpa á sociedade por crear un problema para o que non existe solución de antemán. Nesta liña, Sinaí Giménez anuncia unha ofensiva de protestas ante as distintas administracións implicadas no conflito, cunhas datas que aínda non están fixadas.
26/11/2007