Xeración/Axencias (Santiago).
Unha operación policial contra un presunto delito urbanístico cometido na localidade murciana de Totana saldouse con oito detidos nas últimas horas, dous deles en Galicia. As investigacións seguen abertas e relacionanse coa recalificación de solo rústico en urbanizable para que unha empresa galega construise ata 4.000 vivendas.
Nesta liña, a policía detivo ó director desta empresa, afincada no concello pontevedrés de Nigrán, e a un dos seus axudantes tras o rexistro dos seus domicilios. As pesquisas continúan e non se descartan novos arrestos en Vigo e comarca.
Outros seis arrestos
Entre os outros seis detidos atópanse a ex muller e a actual compañeira sentimental do ata hai uns meses alcalde de Totona, Juan Morales. Segundo fontes policiais, o ex alcalde popular non pode ser detido, xa que goza da inmunidade que lle confire a súa acta de deputado rexional.
En Totona foi arrestado tamén o dono dunha empresa de produtos agrícolas con sé na localidade, acusado de actuar como intermediador entre a empresa e as persoas que poderían ter recibido subornos para recalificar os terreos. A cifra de detidos complétase con outros dous arrestos en Murcia capital e outro en Madrid.
26/11/2007