Xeracion.
Hugo Chávez, presidente de Venezuela, asegurou esta madrugada que vai conxelar as relacións diplomáticas con España e Colombia. Chávez dixo sentirse "traizoado" porque Bogotá lle retirase o papel de mediador na liberación dos reféns das Forzas Armadas Revolucionarias Colombianas (FARC) e asegurou que ao presidente colombiano, Álvaro Uribe "caéuselle a máscara e viuse a cara de Bush".
"É unha crise co goberno de Colombia, non con Colombia mesma. Vai afectar ás relacións de cooperación e económicas", dixo Chávez, quen confirmou que Venezuela rompe desde este momento as negociacións para volver entrar na Comunidade Andina de Nacións (CAN). O presidente bolivariano dixo que a ruptura definitiva das relacións entre ambos países está nas mans de Uribe, quen debería desculparse polo "cuspe á cara" que supuxo retirarlle a autorización para mediar coas FARC.
España, no conxelador ata que o Rei pida desculpas
Chávez comparou este enfrontamento con Uribe co caso de España, onde "ata que o Rei non se desculpe, eu conxelo as relacións con España, porque aquí hai dignidade". A secretaria de Estado para Iberoamérica, Trinidad Jiménez, reunirase hoxe co embaixador de Venezuela, Alfredo Toro, para coñecer exactamente o alcance deste anuncio.
Pola súa banda, Álvaro Uribe respostou ás acusacións de Chávez cunha dureza pouco habitual nel, dicindo que se retirou a Chávez das negociacións foi porque "estaba máis interesado en posibilitar un goberno en Colombia con influencia do terrorismo que en negociar a liberación dos reféns". Na actualidade as FARC controlan social e militarmente unha parte do territorio colombiano, algo que o goberno de Uribe ten moi presente, pese a non recoñecelo de xeito oficial.
Uribe: "Recorre ao insulto porque non ten argumentos"
Uribe considerou que Chávez recorre ao insulto porque non ten argumentos e pediulle que "non incendie o continente" coas súas declaracións "un día contra España, ao outro día contra Estados Unidos, maltratando un día a México, ao seguinte a Perú e na mañá de despois a Bolivia". "Non se pode maltratar ao continente falando de imperialismo cando vostede quere montar un Imperio", concluíu.
Hugo Chávez so tardou unhas horas en contestar ao presidente colombiano: "Non quero romper relacións, pero alá eles. Estamos preparados para calquera cousa. É unha crise xerada polo presidente Uribe e as súas mentiras".
26/11/2007