Xeración (Santiago).
Atender consultas sobre os dereitos lingüísticos e tramitar as queixas do cidadán de a pé. Con este obxectivo arrinca 'A liña do galego', unha iniciativa da plataforma A Mesa pola Normalización Lingüística que pretende, así mesmo, agradecer os pasos en favor do dereito a vivir en galego.
Este servizo, que se prestará de balde, foi valorado de xeito moi positivo dende a propia organización. O seu presidente, Carlos Callón, asegurou que co proxecto se afianza o obxectivo "de dar cobertura e amparo ás persoas ás que se lles impide desenvolver a súa vida na lingua propia do país".
O proxecto pretende asentar na sociedade a idea de que na comunidade existen dereitos lingüísticos, tanto individuais coma colectivos, e evitar "que moitos galegos consideren normal a exclusión do seu idioma".
600 queixas ó ano
Aínda que 'A liña do galego' comeza hoxe a funcionar, A Mesa vén recibindo ó redor dunhas 600 queixas cada ano. Unha cifra que a plataforma pola defensa da lingua agarda ver "amplamente superada" coa entrada en escena do seu novo proxecto.
Con tódalas queixas e noraboas recibidas, o colectivo redactará un informe anual para diagnosticar a situación da nosa lingua e para propor medidas de mellora de cara ó ano seguinte.
O servizo está dispoñible no teléfono 902 10 64 74, en horario ininterrompido dende as oito da mañá e ata as dez da noite en días laborables.
26/11/2007