Datos de interés

  • Luns 08.09.2008

Eleccións en Rusia

Plan Putin


Etiquetas: Putin, Rusia, Xulio Ríos, eleccións

Xulio Ríos.

As eleccións que se celebran o próximo domingo en Rusia marcarán o inicio da peculiar metamorfose do presidente Putin, quen tamén, con seguridade, será elixido deputado da nova Duma con vistas, probablemente, a ser designado o ano próximo, primeiro ministro, unha vez abandone definitivamente a presidencia en maio. A maiores, a elevación do teito electoral ao mínimo do sete por cento, pode deixar fóra a forzas tradicionais da política post-soviética, instaurando un bipartidismo no que a forza avasalladora da lista de Rusia Unida terá como único contrapeso o Partido Comunista do incombustible Guennadi Ziuganov.

A imaxe do presidente é o mellor cartel de Rusia Unida, que aspira a unha vitoria irresistible defendendo o continuísmo da política desenvolvida nos últimos oito anos polo actual líder do Kremlin. Aínda que en 2008 deba abandonar a presidencia ao esgotar os dous mandatos, as especulacións sobre cal será o plan de Putin para seguir condicionando a política rusa sen violar a Constitución, ofrecen múltiples variantes. Putin, que encabeza a lista federal de Rusia Unida, desprazando a Boris Grizlov, presidente da Duma, explicou en Krasnodark que a súa decisión obedece á necesidade de garantir unha maioría parlamentaria ben encaixada coas estratexias gobernamentais, e mesmo para dispor do dereito moral a reclamar dos dirixentes o cumprimento dos obxectivos trazados. Esa mestura de estabilidade e esixencia sería unha combinación perfecta para un Putin primeiro ministro. Outros, non obstante, consideran que centrará a súa actividade na consolidación de Rusia Unida, o que lle brindará considerables resortes de influencia na política interna. En calquera caso, non abriga intencións de retirarse a unha dacha.

A popularidade de Putin atópase en pleno apoxeo en Rusia, pero a campaña electoral desenvolvese no medio dunha inmensa apatía. Dos once partidos que compiten pola obtención de escanos na Duma, soamente dous teñen asegurada a representación. A espantada da misión observadora da OSCE non cuestionará a credibilidade electoral do singular sistema ruso, que pivota cada vez máis sobre as sempiternas claves que modelaron o país durante séculos. Non é de estrañar, pois, que xurdan movementos como o de converter a Putin en “líder nacional” e que en poucas semanas colleitara máis de trinta millóns de sinaturas. Rusia sempre precisará un tsar que exerza un liderado forte, centralizado e nacionalista en alianza cunha nomenclatura política e económica virada de costas á inmensa maioría social. Ese rancio discurso de Putin logrou calar amplamente, dentro e tamén fóra do propio país.

Xulio Ríos é director do IGADI

26/11/2007

0'0 (0 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Buscar máis información sobre






Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso